in ,

O CDG estrea ‘Hamlet’

O xoves, 19 de marzo, baixo a dirección de Tito Asorey

Equipo Hamlet CDG
Ensaio da produción 'Hamlet' do CDG. Foto de Rocío Cibes.

O Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá o vindeiro xoves, 19 de marzo, ás 18:00 horas, a estrea da súa nova produción, Hamlet, de William Shakespeare. Trátase dunha versión galega deste clásico da literatura dramática universal dirixida por Tito Asorey, con dramaturxia asinada por el e por Vanesa Sotelo e cun elenco formado por 16 actores e actrices.

A compañía pública quixo con esta nova montaxe, a súa produción propia central para 2026, darlle continuidade á súa liña programática de incorporar ao galego as grandes obras da dramaturxia universal.

O actor vigués Alejandro Jato encarna a Hamlet neste novo espectáculo e completan a interpretación Sergio Abelaira, Cristina Andrade, Belén Constenla, Raquel Espada, Isabel Garrido, César Goldi, Marita Martínez, Iolanda Muíños, Anxo Outumuro, Pedro Placer, Adrián Ríos, Machi Salgado, Toni Salgado, Inés Salvado Gontad e Sergio Zearreta. Todo o elenco foi escollido mediante un proceso de audicións ao que concorreron máis de 300 profesionais.

Tamén forman parte do equipo artístico Carlos Alonso na escenografía, Laura Iturralde na iluminación, Saturna no vestiario, Xavier Bértolo no espazo sonoro, Lorena Calvo na maquillaxe e caracterización, Rut Balbís no movemento escénico e coreografía, Xosé Piñeiro na loita escénica, Melania Cruz na asistencia de texto, Rosa Moledo no asesoramento lingüístico e Sara Rey como axudante de dirección.

O equipo está a ultimar os detalles para a estrea, o xoves, do espectáculo e a venda anticipada de localidades para as funcións de Hamlet, que se desenvolverán de mércores a domingo ata o 3 de maio, está dispoñible en liña e estarao tamén presencialmente no despacho de billetes do Salón Teatro nos días de apertura.

Avisos de seguridade e accesibilidade

A produción contén efectos de iluminación intermitente/estroboscópica e sons de alto impacto, segundo recolle como aviso de seguridade a información sobre as funcións.

Todas as representacións contarán con interpretación en linguaxe de signos, audiodescrición, programa de lectura fácil e acceso para persoas con mobilidade reducida. 
As butacas para persoas con mobilidade reducida serán adquiridas no despacho de billetes do Salón Teatro os días de función dende as 16:00 ata a hora do inicio da función (18:00) presencial ou telefonicamente (881 867 223). Tamén poden reservarse no enderezo electrónico centro.dramático.galego@xunta.gal. Os dispositivos de audiodescrición serán solicitados ao persoal de sala.

As funcións dos mércores ás 18:00 horas serán sesións descontraídas, dentro das medidas de accesibilidade adoptadas polo Centro Dramático Galego, coas que se pretende crear un ambiente acolledor para aquelas persoas con necesidades especiais ou diversidade cognitiva e/ou sensorial.

Nelas, ademais das medidas de accesibilidade comúns a todas as representacións, nestas sesións descontraídas “redúcense as restricións propias dos protocolos de asistencia a espectáculos teatrais: non hai escuridade total no patio de butacas e permítese a entrada e saída da sala, tendo, ademais, unha maior tolerancia a sons e movementos no patio de butacas por parte dos equipos que traballan na escena”.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'A Colónia' de Marco Martins. Fotos: Centro Cultural Vila Flor.

A Colónia