in , ,

A MIT de Ribadavia anuncia as datas da súa 42ª edición

E convoca o 21º Premio Abrente de Textos Teatrais

Gena Baamonde e Sabela Mendoza na presentación da 41a MIT
Gena Baamonde e Sabela Mendoza na presentación da 41ª MIT. Foto de Rosiña Rojo.

A Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia celebra o Día Mundial do Teatro co anuncio das datas da súa 42ª edición, que terá lugar do 17 ao 25 de xullo de 2026, cun total de 9 días de programación. Baixo a dirección artística de Sabela Mendoza e Gena Baamonde, neses días, a MIT volverá converter a vila de Ribadavia nun epicentro das artes escénicas contemporáneas.

Durante nove xornadas, a Mostra encherá de teatro e creación escénica os principais espazos da vila, cunha programación galega, estatal e internacional que ocupará escenarios emblemáticos , como o Auditorio do Castelo, a Igrexa da Madalena e a Casa da Cultura, ademais de estenderse por rúas, prazas e recunchos de Ribadavia.

Os primeiros nomes da programación desta 42ª edición daranse a coñecer no vindeiro mes de abril por parte da dirección artística, que xa adianta que continúa na súa aposta “por fortalecer a Mostra como festival histórico do panorama cultural galego e como evento de referencia para as artes escénicas contemporáneas”, facendo fincapé na súa vontade de que a MIT sexa, cada vez para máis persoas, unha cita marcada no calendario: “A MIT é unha cita de verán imprescindible para moita xente, e traballamos para que así siga sendo. Interésanos ese espazo de celebración da cultura que representa a Mostra, pero tamén a súa capacidade de mobilización alegre, de encontro e reflexión social, especialmente nos tempos complexos e revoltos que vivimos. A MIT é a mesma e é diferente cada ano: quedamos onde sempre para volver imaxinar e para abrir novos mundos. Regresar á Mostra é manter o hábito do extraordinario, a costume de sorprendernos. Este 2026 imos inspirarnos nesta idea da cita: na alegría e no compromiso que se acenden cando acordamos que “temos unha cita”. Que nos move a encontrarnos?  Que ecos permanecen despois? En tempos escuros, a arte segue sendo un refuxio colectivo para o posible”.

Promovida polo Concello de Ribadavia, a MIT conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura e a Deputación de Ourense, entre outras entidades e patrocinadores habituais, ás que este ano se une AC/E Acción Cultural Española a través do programa PICE.

Nova etapa para o Premio Abrente

Coincidindo con anuncio das datas da súa 42ª edición, a MIT vén de facer pública a convocatoria do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais 2026, un certame consolidado que ten como principal obxectivo “incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega, en continuidade coa histórica tradición teatral impulsada pola Agrupación Cultural Abrente”.

O premio está dotado con 4000 euros, ademais da edición e publicación da obra gañadora, que pasará a formar parte da Colección Premio Abrente.

Poderán participar autoras e autores de calquera nacionalidade con obras orixinais, inéditas e escritas en galego. O prazo de recepción de orixinais permanecerá aberto ata o 15 de xuño de 2026, e o fallo do xurado darase a coñecer no mes de xullo, no marco da propia MIT.

As bases completas da convocatoria poderán consultarse na páxina web oficial da Mostra.

Ademais, como novidade desta edición, a MIT inicia unha nova etapa na Colección Premio Abrente de Textos Teatrais, cun renovado deseño editorial a cargo da editorial AIRA (Allariz). Esta nova liña de publicación será presentada durante a celebración da Mostra coa participación de Isa Fernández, gañadora do Premio Abrente 2025 co texto O miradoiro, nun acto que servirá tamén para poñer en valor o papel da dramaturxia galega contemporánea. Ata este ano os textos foron publicados pola editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

 

 

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Cía. Elvi Balboa.

Colectivo Glovo convoca unha nova edición das residencias Atopémonos Bailando

Carlos Callón asina o manifesto da AAAG polo Día Mundial do Teatro

Carlos Callón asina o manifesto da AAAG polo Día Mundial do Teatro