Do 11 ao 17 maio. Esas son as datas nas que se desenvolverá a XXVIIª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela, FIT. Memorial Juanjo Amoedo. A Asociación Xente Titiriteira, organizadora do festival, quixo dálo a coñecer no marco do Día Mundial do Teatro, avanzando que eses días Redondela se encherá de novo de marionetas de fíos, monicreques tradicionais, vangardas creativas, espectáculos itinerantes e instalacións, entre outros elementos que conforman cada ano este encontro.
Xente Titiriteira informou tamén da sinatura do convenio co Concello de Redondela para a celebración desta edición, e presentou a nova personaxe que vai ilustrar este ano o festival, creación de Pablo Pastor, quen leva 27 anos outorgándolle ao festival a súa personalidade gráfica dende o deseño dos seus carteis.

Ademais, a organización convocou tamén o novo certame “Redondela, mira para ela: Escaparates e balcóns”, para que a veciñanza da vila poida “crear e transmitir o seu sentir polo teatro de monicreques”, creando un recuncho no que as marionetas sexan as protagonistas. Poderán ser dende escenas e bodegóns ata a colocación de monecos feitos polos propios veciños e veciñas, segundo explicaron. “Calquera xesto de complicidade será benvido, axudando a dignificar o oficio do monicrequeiro/a e tamén ambientando a vila de maneira creativa nas datas do festival”, resumiron arredor da iniciativa.


