A programación do CDG volve, con produción propia, a un texto de Shakespeare. Se anos atrás o fixo co cuarteto de traxedias Shakespeare en Roma, agora incorpora o clásico por antonomasia, Hamlet. O resultado reforza a aposta do teatro público por textos que forman parte do canon dramático universal e a incorporación da dramaturxia (galega) contemporánea, materializada, neste caso, por Vanesa Sotelo e Tito Asorey, tamén director. De feito, a posta en escena é recoñecible en anteriores traballos de Asorey, como Fariña ou Recortes, caneos e outras formas de driblar, recorrendo a elementos do espectáculo de variedades, como o sketch, a incorporación de música e danza ao vivo ou a interacción co público a modo de show.
O resultado é unha adaptación conseguida e un espectáculo notable, pero irregular, máis centrado na conversión escénica da historia –levada aos nosos días– ca na potenciación dramática, lírica e simbólica do texto, que a miúdo se dilúe, como na relación entre Hamlet e Ofelia (moi ben resolto, por certo, en termos estéticos, o enterro desta). O ritmo, que acelera a acción e actuación, como probablemente convén ao espectador contemporáneo, por momentos disóciase das expectativas que un clásico convoca.
A disonancia radica, sobre todo, na dificultade de manter un pulso sostido entre a beleza tráxica que a peza suxire, moi conseguida en diversas escenas, e a pretensión de facer máis dixerible o texto, con acenos á actualidade ou ao humor contemporáneo. O cómico non aparece, en ocasións, como reverso posible e desexable do tráxico, senón que se desliga da tónica dominante que o orixinal propón. Por momentos, o texto está máis recitado ca interpretado.
Non é doado manter esta tensión nunha obra que se apoia, en gran medida, nas intervencións e monólogos do atribulado príncipe de Dinamarca. Neste senso, a actuación de Alejandro Jato resulta máis convincente nas interlocucións rápidas e na loucura provocadora e insolente, ca nas intervencións dramáticas máis sostidas, que requirirían unha maior sobriedade e unha xestualidade menos marcada. Son os riscos de encarnar unha personaxe tan complexa, difícil e chea de matices.
A forza evocadora do Hamlet conséguese, nesta primeira adaptación do CDG, con secuencias de forte beleza e impacto teatral, como a primeira aparición do Fantasma nas estancias da limpeza deste renovado palacio de Elsinor. A escolla, para o papel, de Toni Salgado, semella un acerto ao representar unha estampa apolínea –leva apenas un traxe de baño– coas súas barbas e cabelos cinzas e ondulados de corte clásico. A presenza, en escena, en case todo o momento outórgalle á historia un aire de suxestión, simbolismo e misterio apropiado. Resultan, igualmente, moi creativos os xogos que se fan co argumento e desenlace da obra, como a anticipación das personaxes que morrerán ao final dela, a modo de photocall, como lúgubre proxección nas nupcias rexias, ou o desenmascaramento de Claudio, na representación teatral. Este episodio, non sempre doado de levar á escena, fica moi ben resolvido coa compañía ambulante, potenciando a dimensión especular de teatro, dentro do teatro, que Shakespeare propón e Sotelo e Asorey amplifican acertadamente.
A utilización de dúas láminas de espello, xa converxendo, xa colocadas nos extremos do escenario, aluden orixinalmente a esa proxección do texto en nós, espectadores de hoxe. O emprego destes artefactos, así como de cámaras de vídeo ou do móbil –recurso, dígase, xa empregado noutras montaxes recentes do Hamlet– posibilita a optimización de todo o espazo teatral e a incorporación de diferentes planos (os discursos de Claudio de costas) que potencian semiótica e visualmente esta adaptación.
A escenografía, xa que logo, aproveita as posibilidades do Salón Teatro, creando unha situación envolvente co público, ao desprazar os actores á platea ou os reis aos palcos laterais –homenaxe ao teatro da época– logrando a profundidade de planos anteriormente referida. O escenario vai mudando tamén de pel: un pano de madeira para simular os baixos de palacio, unhas cortinas sintéticas prateadas, unha fileira de lámpadas sobre unhas tiras douradas, a modo de verbena, ou a nudez do palco mostrando os bastidores vanse correspondendo coa performance proposta e sinalizando as mudanzas e progresións na estrutura da peza.
Temos, en consecuencia, un Hamlet que ofrece un espectáculo teatralmente solvente, partindo da historia primaria, pero que lle custa manter, en ocasións, o voo dramático do imprescindible shakespereano.
Rematamos, porén, con tres notas, complementarias co xa explicado, e que non resultan privativas desta montaxe.
Non se gaña máis intensidade dramática con maior estrondo, xa sexa de cordas vocais ou pistolas. Non hai nada máis atronador que un eficaz silencio.
Algunhas das fraxilidades indicadas probablemente se poderían resolver cun maior diálogo entre a investigación e a práctica teatral, por exemplo en cooperación co grupo especializado en teatro clásico da Universidade de Santiago de Compostela (o comentario máis amplo sobre a (in)acción compartida entre universidades e compañías queda para outro intre).
O Salón Teatro estaba repleto –todas as funcións teñen as entradas vendidas– dun público diverso e heteroxéneo. Calquera outra consideración tecida nesta crítica palidece perante esta prometedora circunstancia.
- Hamlet - 03/04/2026
- Memorias dun neno labrego - 30/01/2026
- Hamlet - 23/05/2025


