in

Hamlet

Hamlet suburbial

'Hamlet' do TNSJ. Foto: José Caldeira.
'Hamlet' do TNSJ. Foto: José Caldeira.

Un home negro, de idade madura, atravesa os raís lonxitudinais polos que se deslizarán tres altos paneis de metal enferruxado dunha nave industrial. A fachada desta, na parte traseira da escena, amosa signos de decadencia. No alto un fino tubo de neon escintila.

O home, pelo afro, calzón curto e casaca militar vintage, como única vestimenta, avanza ata situarse no proscenio. Entoa unha canción nunha lingua estraña, talvez unha ancestral melodía africana, que evoca distancia, quizais como hai séculos o era o afastado reino de Dinamarca para o público de The Globe. Os restantes dez actores, sentados en dous bancos simetricamente separados pola porta central do almacén, espreitan, silentes. O home, xa na fronte do escenario, cala, saca unha pistola vermella e irrompe nun luciferesco sorriso. Empeza o Hamlet.

Esta impactante secuencia, que sitúa a peza na atmosfera noir, que presidirá toda a función, é o pórtico da adaptación teatral de Nuno Cardoso do clásico de Shakespeare. O decorado non deixa lugar a dúbidas da translación da historia orixinal ao tempo presente, nesta función de tres horas, que se divide en dúas metades, separadas por un descanso.

A función do estreo tivo lugar o 3 de abril no Teatro Nacional São João, que a produce, e é a primeira montaxe do director, despois de cesar as súas funcións como director artístico do TNSJ. Faino co clásico de Shakespeare, autor que xa montara previamente, con adaptacións de Ricardo II ou Coriolano.

A opción por unha escenografía que amosa a decadencia industrial dos actuais espazos urbanos ten claras evocacións do cinema negro, con aderezos da intriga do thriller familiar, tan cara, de feito, á traxedia do escritor. O vestiario dos intérpretes acompaña a ambientación, se ben a sintaxe co ambiente escénico está máis conseguida na segunda parte do espectáculo que na primeira. As tres paredes de metais móvense, a diferentes alturas do escenario, en función da profundidade de plano que segue cada unha das escenas. Tamén se proxectan sobre elas os vídeos, que, en diferentes momentos, acompañan o enredo, moitos deles gravados en tempo real co móbil dos actores. Cabe, neste sentido, destacar as aparicións fantasmagóricas do pai de Hamlet, que xa en pantalla, xa como evocación que xorde do interior da nave materializa perfectamente a función dramática que ten no texto orixinal.


Publicidade

A peza, a pesar dos arranxos adaptativos á actualidade, segue con bastante fidelidade a historia shakespereana, a partir da coñecida tradución ao portugués do profesor António Feijó. A escena da intervención da compañía ambulante, coa que se remata a primeira parte da función e que Hamlet idea para desenmascarar a Claudio, está ben resolta, a modo de relato oral e pantomima, evocando esa homenaxe do dramaturgo de Stanford ao teatro amador e ambulante, previo á explosión de The Globe. Quizais sobre, non obstante, algún esaxero farsesco que desentoa no ton da secuencia.

A dramaturxia de Cardoso persegue, polo tanto, manter os ritmos e os momentos de intensidade dramática do orixinal, propósito que consegue, aínda que con desigual resultado por momentos. Talvez o aspecto menos convincente radique na primeira metade que se apoia, en gran medida, nos monólogos e nas extensas intervencións do protagonista e na dificultade de manter o pulso teatral do texto de Shakespeare coa actualización interpretativa. A conciencia do engano, a traizón e o crime motivan unha rabia e loucura, real ou simulada, en Hamlet non sempre ben resolvida nesta peza, en virtude dalgunha sobreactuación, que carga en ocasións a acción escénica. A forza da traxedia do dramaturgo inglés apoiase nas vacilacións do protagonista, no seu drama interior, que ten a súa proxección na inconsolable Ofelia.  O conflito do príncipe de Dinamarca perde, por momentos, a prometedora forza dramática do inicio da representación. A enaxenación pola dor que sofre casa mal cos aspaventos, os gritos e os estrondos sobre as chapas de metal. En ocasións, a mimetización coa ambientación suburbial da peza, produce un andar atrapallado e un ricto alucinado, que reduce a sobriedade expresiva que demanda o pulso tráxico de Shakespeare.

 Con todo, malia ás cuestións advertidas, o impacto da peza no pathos do espectador é conseguido, debido á sólida construción das escenas, á convincente actuación coral e ao fermoso e creativo lirismo dalgunhas secuencias, como o do afogamento de Ofelia.

Cómpre aínda agradecer a Nuno Cardoso que, traendo o Hamlet aos nosos días, o faga ofrecendo uns códigos visuais e artísticos recoñecibles para o espectador, pero sen entrar nun didactismo ou nunha apropiación discursiva da actualidade política ou cultural, que, na maioría dos casos, fala moito do texto escénico, pero moi pouco do clásico que se pretende evocar.

Hamlet

Dirección: Nuno Cardoso

Tradución: António M. Feijó

Escenografía: F. Ribeiro

Deseño de luz: Cárin Geada

Deseño de son: Joel Azevedo

Música: Pedro “Peixe” Cardoso

Vestiario: Nelson Vieira

Vídeo: Luís Porto

Axudante de dirección: Manuel Tur

Movemento: Roldy Harrys

Interpretación: Alberto Magassela, Joana Carvalho, João Cravo Cardoso, Jorge Mota, Lisa Reis, Mário Santos, Patrícia Queirós, Paulo Freixinho, Pedro Almendra, Pedro Frias, Sandro Feliciano

Produción: Teatro Nacional São João

 

Teatro Nacional São João do Porto, 3 de abril de 2025.

Xaquín Núñez Sabarís

Xaquín Núñez Sabarís

Profesor da Escola de Letras, Artes e Ciências Humanas da Universidade do Minho, onde imparte docencia na licenciatura de Teatro. É membro do Grupo de Investigación en Identidade(s) e Intermedialidade(s) e co-director da revista homónima (https://revistas.uminho.pt/index.php/2i). É investigador, divulgador cultural e crítico literario e teatral. No eido do teatro ten publicado traballos sobre Ramón del Valle-Inclán, Roberto Vidal Bolaño, o teatro galego e as relación escénicas entre Galicia e Portugal. En 2019 gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio co estudo Cartografías da narrativa galega contemporánea (2020).
Máis información en: https://www.cienciavitae.pt/portal/en/551E-DF07-8ACB

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alta costura 1 © Vanessa Rábade

Elefante Elegante estrea ‘Alta costura’ nas Pontes

Piti Sanz AAAG

Falece o músico e compositor Piti Sanz