A industria da moda rápida é o tema arredor do cal xira Alta costura, a última creación da compañía de teatro físico Elefante Elegante. Esta nova montaxe de María Torres e Gonçalo Guerreiro. que terá a súa estrea absoluta mañá, sábado 24 de maio, ás 20.00 horas, no Auditorio do Cine Alovi das Pontes, é unha obra de linguaxe xestual irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo que está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa.
Previamente, o pasado mes de abril, o Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, en Culleredo, acolleu a preestrea do espectáculo en funcións escolares acompañadas dun proceso de mediación xunto á compañía, que ofreceu coloquios posfunción onde se recolleron e intercambiaron opinións co alumnado, que tivo a oportunidade de acompañar de preto todo o proceso creativo da peza. Durante esa fase, Elefante Elegante realizou unha residencia artística no Concello de Culleredo, coprodutor de Alta Costura, espectáculo que conta, tamén, coa colaboración do Concello das Pontes e cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Dende o pasado domingo a compañía está a desenvolver unha residencia técnica previa á función de estrea que acollerá mañá o mesmo Auditorio Cine Alovi das Pontes.
O espectáculo
Alta Costura preséntase como un “espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais”. A peza dá “unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa”. Trátase, xa que logo, dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria da moda rápida e cuestións relacionadas, como “a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes”.
Dende a compañía explican que partiron de datos recollidos en greenpeace.org, do libro La moda justa, de Marta Riezu (Anagrama, 2021) e do traballo divulgativo de Nicolas Olea, catedrático de Radioloxía e Medicina Física da Universidade de Granada, arredor de que hoxe en día se consume un 60 % máis de roupa que hai 10 anos. “A roupa que se deposita para reciclar, a que se doa e a que se devolve, remata, na maior parte das veces, en praias e desertos convertidos en vertedoiros en África e América Latina. Unha camiseta require 2700 litros de auga para súa produción, a mesma que un humano bebe en 2 anos e medio. Existen 3500 produtos químicos rexistrados para a produción téxtil. Destes, 750 son altamente perigosos para a saúde”, engaden en relación cos datos.
A partir desa investigación, o traballo de Elefante Elegante, segundo comparten, quixo asentarse “nunha filosofía ecoloxista que defende os principios básicos de liberdade, igualdade e solidariedade, a partir dun xogo alegre no que a risa brota do sarcasmo, do impulso e da emoción do acto creativo relativo á realidade social e política na que hoxe vivimos”, e para iso buscaron achegarse a “un teatro que non se acomode á psicoloxía nin ás ideas, senón que se converta nunha diversión brillante semellante ao cinema de Charles Chaplin ou Buster Keaton”.
Con esta obra, a compañía inicia un novo período de actividade que se desenvolverá ata 2026 con varios proxectos de produción e distribución apoiados pola Xunta de Galicia a través dunha axuda plurianual, dentro das que convoca a Agadic nas súas subvencións á creación escénica. Deste xeito, segundo deu a coñecer a Agadic, Elefante Elegante, que xa fora beneficiaria deste tipo de apoio con anterioridade, acadou en 2024 unha nova subvención de 100.000 euros, coa que combinará a produción de Alta costura coa súa seguinte proposta, Coralina, e a coa distribución doutras montaxes que actualmente mantén en repertorio, como son Kyoki, Alma de tigre e Cubo.
Ficha artística
Creación: María Torres e Gonçalo Guerreiro
Texto: Tiago Alves Costa
Dirección de escena e escenografía: Gonçalo Guerreiro
Interpretación: María Torres, Sofía Espiñeira, Pablo Sánchez e Raquel Crespo
Produción de arte e vestiario: Carolina Díguele
Composición musical: Varios autores / Manuel Fonte Loureiro
Iluminación: Laura Duarte
Produción: Laura Duarte e Xurxo Prieto
Subvenciona: Agadic
Coproduce: Concello de Culleredo
Colaboran: Concello das Pontes e Insertega