Os rapaces só se tocan para darse de hostias é o título da peza coa que Iván Caloto (Lugo, 1976) resultou premiado na VIII edición do Concurso de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, un certame que nace “pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato” e fomentado pola conxunción de institucións como o IES Ribeira do Louro, a Editorial Galaxia e o Concello do Porriño, “coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario.”
O xurado, composto por Celia Díaz Núñez, escritora e dramaturga; Nadia Geijo Domenech, actriz; Delio García Represas, profesor e coordinador dos Contratos programa de Teatro do IES Ribeiro do Louro; e Raquel Castro, que actuou como secretaria do xurado, valorou a “capacidade para afondar no miolo dos conflitos sociais e persoais” da peza, así como que esta “explora a necesidade de pertenza ao grupo que todos temos, con personaxes verosímiles e recoñecibles.” Unha “obra coral que nos ofrece moitas voces, con diálogos áxiles, que axudan a configurar o drama presentado.”
Iván Caloto (Iván Fernández Diéguez) graduouse en Arte Dramática na especialidade de Dirección e Dramaturxia, na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza e obtivo o Premio Extraordinario de Fin de Carreira de Ensinanzas Artísticas Superiores en 2023, un recoñecemento que se suma aos obtidos por outros textos seus como Perante o espello, Premio de Textos Teatrais da Universidade de Vigo, ou Pequeno canon dramático, Premio de Lecturas Dramatizadas da SGAE. Asemade, ten publicadas dúas pezas na colección de textos teatrais da Erregueté (Sssh! e H.O.m.e.), onde tamén colabora como crítico de teatro e coordinador da sección Palcos LGBTQ+.
O Concurso de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño nace no ano 2018 co gallo de celebrar unha das máis ilustres figuras do teatro galego contemporáneo, e no seu histórico aparecen nomes da nova literatura teatral galega como Fernando Castro Paredes, Ana Abad de Larriva, José Luis Baños de Cos, Edgar Costas ou Rosalía Fernández Rial, quen resultou premiada o ano pasado coa peza Fóra de campo.
O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, que computan en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma e unha figura acreditativos e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA.