in

Falece o músico e compositor Piti Sanz

Creou os espazos sonoros de numerosos espectáculos galegos

Piti Sanz AAAG
Piti Sanz recollendo, co equipo de 'Monstros', de Producións Teatrais Excéntricas, o Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil. Foto: La DIAPO fotografía. Fonte: AAAG.

Esta mañá deuse a coñecer a través de diferentes medios e redes sociais o falecemento do músico e compositor Piti Sanz. Nado en Huelva no ano 1966 pero arraigado en Galicia dende hai moitos anos e residente en Lugo, estivo moi vinculado coa escena e o audiovisual galegos, compoñendo numerosos espazos e bandas sonoras.

Como músico foi fundador de Los Contentos e formou, con Luís Tosar, a banda musical Di Elas, e o seu último proxecto musical foi o disco S4N7, aínda que tiña tamén novos proxectos vinculados coas artes escénicas en marcha. Hoxe moitas entidades e compañías de artes escénicas coas que colaborou aproveitaron para compartir mensaxes lamentando a perda humana e creativa e lembrando o seu traballo no campo cultural galego, no que deixa unha fonda pegada.

A AAAG destacou como “Sanz lle abriu un camiño fundamental no noso teatro á presenza de músicos en escena, ofrecendo música ao vivo e unha forma diferente de interpretación anovadora” É que, como tamén lembrou, ao longo da súa traxectoria, Piti Sanz traballou con compañías fundamentais do teatro galego, como Ollomoltranvía, Mofa e Befa ou Producións Teatráis Excéntricas. Dende estas últimas tamén quixeron despedirse de Sanz e lembrar o seu papel de Max, “personaxe coa que brillaba en Monstros”, así como que a súa última ilusión “era o proxecto no que estaba embarcado con Mofa e Befa, Os dous de sempre. O regreso, no que interpretaría o cego musical”, que agora esperan “atopar á volta do camiño”.


Publicidade

Piti Sanz estivo de finalista nos Premios de Teatro María Casares nove veces, obtendo dous galardóns na categoría de música orixinal, por Finis Mundi Circus, de Mofa e Befa, en 1999, e por Ñiquiñaque, de Ollomoltranvía, en 2002.  A Academia Galega do Audiovisual quixo tamén resaltar o “talento e compromiso co ámbito cultural” do músico e compositor, que obtivo ao longo da súa traxectoria cinco premios Mestre Mateo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Hamlet' do TNSJ. Foto: José Caldeira.

Hamlet

A nunca vista Difusora Horizontal reducida

A Lonxa Literaria de Moaña acolle un faladoiro sobre ‘A nunca vista’, de Ana Abad de Larriva