O venres vinte de marzo, a compañía Os Náufragos Teatro levou á escena, na sala Ártika, a obra Riazor Ostia, baixo a dirección e autoría de Gustavo del Río. Con esta peza a compañía celebra os seus vinte e cinco anos de traxectoria escénica.
O título lévanos a formular nunha pregunta: que une o nome destas dúas praias? A resposta constrúese a partir de dous sucesos tráxicos. O corpo de Pier Paolo Pasolini, escritor, poeta e director de cine italiano, considerado un dos intelectuais máis destacados do século XX, aparece brutalmente asasinado nun vertedoiro de Ostia o 2 de novembro de 1975. Este é o punto de partida da obra que, de maneira circular, conecta con outro feito violento: o asasinato de Samuel Luiz o 3 de xullo de 2021 na Coruña.
Dúas praias e o berro de “maricón” van ser o xerme da proposta. Estes dous sucesos estruturarán a peza, entrelazando as figuras de Pasolini e Samuel, nunha crítica á ideoloxía fascista, homófoba e violenta.
Desde o punto de vista escénico, a montaxe é sinxela, cun marcado ton cinematográfico. No escenario represéntase a rodaxe dunha película, cunha dramaturxia fragmentada e non lineal, na que se van alternando os monólogos e as escenas corais. A alternancia das historias de Pasolini e Samuel, e os feitos posteriores, constrúen o relato, marcado polo contexto político do movemento fascista en Italia e de auxe da extrema dereita en España.
Ao longo da obra, a música e o recitado de versículos do Evanxeo funcionan como fíos condutores das transicións temporais e emocionais da acción escénica. Especialmente relevante é a pegada do imaxinario relixioso de Pier Paolo Pasolini, particularmente d’O evanxeo segundo San Mateo, cuxa estética e discurso impregnan de maneira transversal toda a proposta escénica.
Os saltos temporais entre os dous sucesos e unha escenografía con trazos documentais constrúen un discurso áxil e verosímil. Cómpre destacar a interpretación de Denis Gómez no papel de Pier Paolo Pasolini, moi convincente grazas a recursos como a recreación dunha entrevista real.
Ademais, ao final da obra a aparición da figura interpretada por Pablo Federico caracterizado de vedete converxe nun xesto explícito de visibilizar o colectivo LGTBIQ+, “sacando a pluma e loitando por ela”, segundo palabras do seu director nunha entrevista publicada no xornal La Voz de Galicia.
Riazor Ostia é, en definitiva, unha proposta comprometida que conecta pasado e presente para denunciar a violencia e a intolerancia, que, por desgraza, seguen presentes. “A memoria dun é a memoria de todos” afírmase na obra. Ese debería ser o obxectivo, que estes feitos non caian no esquecemento.
- Riazor Ostia - 05/04/2026
- Matres - 15/03/2026


