“Neste último número de 2024 a Erregueté non só atende ao que acontece nos escenarios dentro dos edificios teatrais, senón tamén a aqueles outros palcos que fan da vía pública, das rúas, prazas e torreiros, teatros efémeros de pegada inesquecible. O mesmo sucede cos formatos e duracións dando testemuño de obxectos artísticos independentemente do que ocupan no espazo e no tempo, de se duran 15 minutos ou 3 horas, porque a arte non se mide só polo tempo cronolóxico ou polas dimensións espaciais e de produción.
E falando de convención temporal este exemplar é unha revista bisagra entre un 2024 abondoso en creación escénica, pero escaso en días á semana de programación nos teatros públicos municipais, que é a grande materia pendente, e un 2025 no que todo o que se trata nas súas páxinas vai seguir activo ou debería seguir activo, para que os esforzos e o diñeiro sexan un investimento e non un gasto, para contribuír tamén a sostibilidade producindo máis espectáculos, cando os que hai non dan chegado a boa parte da poboación.
Pódese ler neste número 108 o que din Marta Pazos e Manuel Lourenzo, Premios da Cultura galega 2024, nomes tan fundamentais para as nosas artes escénicas como a dramaturga Raquel Castro, o “titiriteiro”Marcos Dios ou a maga Aldara Vázquez Arias.
Na sección de espectáculos, que pasa da vintena, celebrase a volta de Teatro de Ningures (1986) e dáse a benvida a compañías novas que acaban de nacer en 2024 como Código Azul (teatro) ou Disiden. Cia (2023, danza).
Dáse noticia do primeiro circo de toldo en galego e ás producións operísticas das temporadas líricas das Asociacións de Amigos da Ópera da Coruña e Vigo. Continuase celebrando o 40 aniversario do CDG, nunha viaxe pola súa historia até os nosos días. Máis? Moito máis queda por descubrir na lectura das súas páxinas!” (Extracto do editorial do número 108 da erregueté, escrito por Afonso Becerra).
Colaboran neste número: Aldán López Dacosta, Alvaro Reboredo, Andrea G.Bermejo, Clara Bouzada, Diana Longa, Ginés Amoedo Alén, Julia Canay, Lutz Hillman, Paula Quintás, Raquel Castro, Rosalía Fernández Rial e Sara Santamaría.
No Fondo Teatral María Casares é posible a consulta de todos os números editados pola erregueté | Revista Galega de Teatro desde o ano da súa fundación en 1983.
A erregueté actualmente está dirixida por Afonso Becerra e Ana Abad de Larriva.