“A historia do teatro galego é unha historia de vontade, de paixón, de teimosía e tamén de frustración. Unha historia que ten un capítulo fundamental que se escribiu no alén-mar americano e de xeito especial en Bos Aires, naqueles tempos nos que se dicía que era a maior cidade galega do mundo.
Nese capítulo da historia teatral galega escrito lonxe salienta un home (Fernando Iglesias o “Tacholas”) enxoito de corpo e ollar translúcido, andar repousado e dono dunha fonda voz enxebre coa que chegou a conmover ata as bágoas a quen tantas veces fixo abalar ao público: María Casares.”
Ricardo Palmás, o prologuista do libro, refírese ao xantar que a Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas lle ofreceu a María Casares en 1958 cando o “Theâtre National Populaire”, dirixido por Jean Vilar representou en Bos Aires.
“O Tacholas” tamén sorprendeu polo seu dominio da voz e o seu sentimento nun exercicio que realizou ante Lee Strasberg, o fundador do Actor’s Studio. Aconteceu polos anos setenta no Teatro San Martín de Bos Aires nun monólogo que o actor galego, escollera da obra “El lugar donde mueren los mamíferos” do chileno Jorge Díaz.
Mais… quen viña sendo este intérprete que emocionou a María Casares e sorprendeu a un mestre da interpretación?
Luís Pérez Rodríguez vainos presentando ao longo do libro a biografía artística deste actor de teatro e cine nado en Ourense en 1909 que faleceu en 1991 con 81 anos, en Bos Aires.
Unha longa vida artística inseparable da vitalidade cultural que houbo ao longo de varios decenios en Arxentina nas diferentes Sociedades Galegas da Emigración. Os protagonistas foron xente como Maruxa Villanueva, Varela Buxán, Castelao, Luís Seoane…
Cómpre subliñar que a Serie Documentos de Edicións do Castro do Grupo Sargadelos foi, e por desventura xa non é, un proxecto editorial alentado por Isaac Díaz Pardo para recuperar a memoria histórica recente do noso país.