in

A Panadaría: “Historicamente o humor sempre foi un campo vedado ás mulleres” 

Premios María Casares
Foto: La Diapo / AAAG

“Historicamente o humor sempre foi un campo vedado ás mulleres”

A Panadaría vén de acadar catro premios María Casares -Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Actriz e Mellor Texto Orixinal-, con Elisa e Marcela. Gena Baamonde dirixe a Areta Bolado Ailén Kendelman e Noelia Castro nesta historia de amor que desde o humor e o falso documental homenaxea ás figuras de Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas, que en 1901 casaron na igrexa de San Xurxo na Coruña. A erregueté falou con estas mulleres de teatro en estado puro.

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: La Diapo / AAAG |

 

A Panadaría é unha compañía que nace na ESAD de Galicia e que desde o primeiro momento con Pan! Pan! acadou un éxito de público e un importante recoñecemento por parte da profesión. Cal é o segredo desa carreira que se consolida con Elisa e Marcela?

AILÉN.- O segredo foi descubrir unha forma de facer en nós. Nos inicios na ESAD, despois de varios fracasos, Areta formulou unha estrutura de western para microteatro que foi o xermolo de Pan! Pan! O seguinte paso foi a convocatoria do Xuventude Crea dese ano, que pedía que as propostas debían durar 40 minutos. Desa necesidade de dobrar a estrutura naceu o espectáculo.

NOELIA.- Igual foi aí onde naceu esa linguaxe nosa, ese tirar do fío xa que de 20 foi xurdindo a necesidade de probar a introducir unha canción, ou incluír un elemento máis xestual, ou unha cámara lenta ou xogar con mecanismos cinematográficos.

ARETA.- En Pan! Pan! Naceron as bases do que agora é o noso traballo que sempre consistiu en ir espindo. O certo é que non tiñamos vontade de montar unha compañía. Obrigounos o feito de que Pan! Pan! funcionou moi ben e, ao entrar no Galicia Escena Pro, todo se acelerou moitísimo. O certo é que nunca nos sentamos a pensar que queriamos montar unha compañía aínda que o obxectivo era facer teatro xuntas.

 

Esa procura do esencial na escena ofrece unha forma de facer que é o selo singular da compañía. Nesa procura do mínimo, canto hai de opción e canto de imposición da realidade dunha realidade dominada pola precariedade?

AILÉN.- Nós non nos pechamos a probar con cousas pero descubrimos que o noso mellor xeito de facer era co mínimo porque iso permitíanos estar a nós no centro, ás actrices. A creación de ambientes, a escenografía, a música, todo podía estar en nós.

GENA.- Esa é a aposta da Panadaría: unha aposta polo traballo das intérpretes, de ir ao mínimo, á esencia. Con maior ou menor orzamento, a súa liña é clara e non creo que se fosen gastar cartos en algo que non fose o traballo, algo que permita acompañar esa linguaxe súa de quitar aderezos.

NOELIA.- Por iso, despois de Pan! Pan! que contou con orzamento cero, no que máis investimos foi en equipo e en formación. En Panamericana tivemos cinco formacións que nos apetecía e da que se podía beneficiar outra xente e para Elisa e Marcela puidemos ampliar considerablemente o equipo.

 

O humor, a música e o feminismo son a Santísima Trindade de A Panadaría. Como definen o humor que traballa a compañía?

GENA.- Se o analizamos, o humor historicamente, e segue acontecendo, sempre foi un campo vedado para as mulleres. O humor é un campo de crítica que chega a máis xente e o bo de A Panadaría é que fan que todo pareza moi suave mentres te meten a puntilla; e por iso, para min o seu humor é como de acupuntura. Pídenche que te relaxes para cravarte a agulla e esa agulla remove algo e senta ben. Por outra banda, a aposta que fan elas polo feminismo non era habitual. Non é a primeira, pero creo que é unha das compañías que aposta máis fortemente polo feminismo. Moitas persoas dixeron que Elisa e Marcela merecían outra cousa e referíanse a que o espectáculo é comedia e a historia merecía algo serio, pantallas audiovisuais, escenografía e vestiario. Creo que segue pesando esta idea de que o humor só pode contar determinadas cousas pero o humor pode contar absolutamente todo e era preciso un humor feminista para sacarlle ferro a determinados asuntos. A Panadaría toma o humor con moita seriedade, un humor para todos os públicos.

ARETA.- Se tivésemos que pensar na cor do humor de A Panadaría, eu diría que en Pan! Pan! tiñamos un humor moi branco pero agora temos un branco roto.

 

En diferentes ocasións sinalaron o menosprezo que padece o traballo da actriz cómica. Non obstante, esa idea preconcibida parece chocar co éxito de acollida que a compañía goza entre o público…

ARETA.- Hai bastante distancia entre as programadoras e o público. Hai unha visión infantilizada do público e de exceso de protección. Lembro que unha programadora non quería programar Elisa e Marcela porque incitaba á homosexualidade; estivemos nalgún concello no que o programador estaba preocupado pola recepción e ao rematar a xente estaba encantada e sorprendeuse de comprobar que o público estaba preparado. Neste caso estou falando a nivel temático pero hai outro tipo de espectáculos de teatro contemporáneo ou de danza que non acaban de atopar o seu oco. Hai demasiada distancia entre creación e programación.

GENA.- O público vai sempre por diante dos programadores. De todos modos, se o espectáculo non fose un produto ben rematado, as funcións non serían tantas porque se hai persoas que poden evitar crear polémica, vana evitar. Ao final, o importante é esa relación co público ou o feito de atopar casos como o dunhas rapazas moi novas, lesbianas, que se achegaron a dicirnos que o espectáculo lles gustara moito e que era moi necesario. Por una parte alegra pero por outra dá moita pena pensar nas cifras de acoso escolar a persoas lgtb ou nos suicidios; pensar que neste 2018 este tipo de traballos son necesarios. Por iso son vitais este tipo humor e este tipo de apostas.

AILÉN.- Ademais somos tres mulleres en escena facendo humor e xogando desde diferentes niveis e desde corpos diversos.

 

O corpo é outro dos elementos que aparece no traballo de A Panadaría como transgresor. Deixa constancia de que hai moito aínda por normalizar?

ARETA.- Os corpos son fundamentais. Non teriamos traballo se non tivésemos A Panadaría. Eu estou cansa de ir a probas para un personaxe de fea ou de gorda e que ao final acaben collendo a unha tía cachondísima.

GENA.- Sempre parece que unha gorda é unha gorda e vai facer de gorda, que non ten desexo ou que non é desexada. Non debería ter que ser necesario falar diso.

NOELIA.- Hai algo transgresor en Pan! Pan! cando levantamos a camisa e ensinamos a barriga. Escoitamos un “puag, que gorda”. Ou mesmo en Elisa e Marcela as escenas de sexo son transgresoras non por ser escenas de sexo entre mulleres senón por ser mulleres gordas.

GENA.- Supoño que a xente está un pouco farta de repetir os mesmos chistes repetindo estruturas de poder e opresión. Igual necesitamos algo de luz e parte do éxito de A Panadaría vén por aí. No que respecta á cuestión da presenza da muller, parece que é algo que está de moda pero é importante que se faga con profundidade e con un discurso detrás. Non queremos caras de mulleres queremos corpos enteiros e corpos diversos. Estamos nunha vertixe e todo o mundo se define como feminista pero sen pararse a pensar nese termo, en darlle contido. E iso está nas nosas mans. E está neste camiño: a diversidade.

 

Acabamos de falar do humor de acunpuntura e branco roto que practica a compañía, como pensa o feminismo A Panadaría?

ARETA.- É importante pensar o xeito de traballar. Na nosa formación aprendéronos un xeito de traballar que parece que é o único posible pero que a nós non nos interesa. Falando de Elisa e Marcela a dirección que fixo Gena non foi unha dirección tan xerárquica, senón horizontal. Ao igual que cos nosos corpos, co noso traballo tamén temos que estar sempre intentando encaixarnos nas fichas artísticas establecidas.

GENA.- Sucede que a creación é máis complexa do que a xente se cre, e máis permeable e máis colectiva. Ás veces sobrevoa na maioría esa idea do xenio, unha idea moi de home, dese xenio desa cabeza pensadora que chega e que con esa idea que chega e coa súa sabedoría xa está todo solucionado. Para min a creación non é así, somos un grupo de artistas traballando xuntas e compartindo ideas.

AILÉN.- Nunca conseguimos traballar a partir dun texto para montar escenas. Tamén temos dificultades á hora de cubrir as subvencións. Habería que ver as medidas para que as subvencións tamén se adapten as novas maneiras de facer porque senón parece que temos que adaptarnos ás estruturas antigas.

GENA.- Iso é moi curioso. Está pasando con A Panadaría e con outra xente nova á hora de relacionarse coas institucións. Saber que hai un texto parece que é unha garantía pero é que o noso traballo é a escena e esa titorización permanente estame a dicir que hai alguén que non se fía da nosa profesionalidade, que non se fía de que imos traballar un tempo coas nosas ferramentas e parece que temos que pedir perdón por facelo. É importante que as institucións entendan que os parámetros artísticos deben medirse doutro xeito.

AILÉN.- Moitas veces intentan encadrar o que estamos facendo en algo burocrático e resulta moi complicado lidar co aspecto artístico mentres estás nesa fase de creación e ter que poñerlle un nome a todo ou ter que dicir que temos un texto. Moitas veces non sabemos ata ben avanzado o proceso se vai haber texto, de quen é, quen está actuando e quen o creou. Entón si, é precisa esa flexibilidade.

GENA.- E o peor é que acaban facéndote crer que é así como hai que traballar. Todo o mundo ten como medo da nosa propia profesión que é a escena. Habituáronos a ter medo da nosa profesión de explorar as nosas linguaxes e é algo que temos que volver reivindicar.


Publicidade

 

O compromiso feminista atravesa radicalmente a compañía, comezando, como sinalan, desde a forma de producir. Que consecuencias ten esa escolla?

ARETA.- Parece que ás veces soluciónase o de “espectáculo de mulleres” colocando todo actrices, pero logo está escrito por un home ou dirixido por un home. Unha das nosas apostas duras é que a parte técnica estea feita por mulleres. É moi habitual para nós chegar a un teatro coa nosa técnica e se nos pregunte: “E o técnico?” Entón, para nós é moi importante facer equipos cen por cen de mulleres.

NOELIA.- E necesario ter ese compromiso porque, se non o tes, é moi difícil conseguilo. A primeira preferencia que tes á hora de facer equipo sempre é un home e a décima, tamén. O feito de estar comprometidas con isto fai que teñamos que buscar por todos lados para ofrecer esa oportunidade de traballo a mulleres que logo van compartir cartel con nós.

AILÉN.- Hai tempo tivemos que facer un vídeo e precisamos unha muller para gravar o son. Percorrín todo canto puiden, chamei a toda a xente que me pasaron e non conseguín unha muller que nos gravara. Cheguei a falar con unha que facía son nunha sala pero non tiña estudio. Entón pensas: estasme dicindo que non hai unha muller en Galicia que teña un estudio de gravación? Pois non hai.

GENA.- Precisamente porque fan unha aposta tan rigorosa disto descobren todas estas cousas. Cando elas o contan empezamos a entender que non somos esaxeradas nin que detestamos aos homes, senón que as cousas fanse para permitir que xurdan estas cuestións e poñer en evidencia estas situacións. Hoxe en día, A Panadaría son o directorio de mulleres profesionais en Galicia. Se alguén quere unha muller en calquera ámbito, elas saben quen é. E isto é por ese compromiso de ser rigorosas con esa aposta, por unha convicción feminista moi forte.

ARETA.- Toda esta ausencia de mulleres fai que se traduza en vidas laborais precarias e contribúe a unha feminización da pobreza. Mostra tamén como se cuestiona, en moitas ocasións a profesionalidade dunha muller. A nós pasounos en proxectos como a dirección artística dunha gala na que apostamos por facer unha banda de música de mulleres. Foi realmente difícil porque se dubidaba constantemente da calidade das músicas por seren mulleres. E ademais, está a linguaxe dos medios de comunicación cando es muller. Coa nosa compañía e con outras que teñen a mesma antigüidade ca nós e unha traxectoria similar, atopámonos con que desa compañía se di que está formada por tales profesionais mentres que á nosa, moitas veces, refírense como “as rapazas” de A Panadaría.

AILÉN.- Nese sentido, é importante como se nomean as cousas. A importancia de que se nos nomee polos nosos traballos. E reivindicar o noso traballo, para nomearnos como o que somos e valorarte polo que fas.

 

Centrando a mirada agora en Elisa e Marcela, como nace a idea que permitiu levedar o proxecto?

AILÉN.- A idea é de Gena. Foi algo moi espontáneo porque todas coñeciamos a historia e parecía incrible que ninguén a fixera en Galicia. Gena insistiu en que a tiñamos que facer e non tardamos cinco minutos en dicir que si. E o reto foi facelo desde a comedia.

GENA.- Dun xeito ou doutro sempre estiven acompañando á Panadaría e, neste caso, estiven desde o principio. Eu necesitaba que, como compañía, me trasladasen e reafirmasen as liñas e o lugar desde o que traballan e o que lles pedín foi un documento por escrito no que se reflectisen os puntos esenciais do seu traballo. Ese documento de liñas vermellas aclarou moito o proceso e facilitounos o camiño.

AILÉN.- No inicio, todas caemos na trampa da cousa histórica. Esperábase que fósemos fieis á historia pero preguntabámonos: cal é a historia? Que é o que se sabe? E aí descubrimos que eran moi poucas as cousas que se sabían.

GENA.- Fixemos un traballo dramatúrxico forte no que nos preguntamos que cousas queriamos e así xurdiu o falso documental. De verdade cremos que se pode facer un retrato fidedigno? Aí temos de novo esa necesidade reivindicar a ficción porque é o campo no que traballamos. En Elisa e Marcela falamos da relación entre as dúas mulleres pero tamén de como se constrúe a memoria e a historia.

NOELIA.- Así naceu a idea do alguén dixo que dixo que dixo. A prensa da época era moi sensacionalista, había moitas contradicións, dicíanse cousas íntimas que eran imposibles de saber, reproducían conversas delas…

GENA.- Todo era moi cómico dende o inicio e unha das cousas que xurdiu desas sesións foi a dos puntos de vista. Interesounos ese feito de ter moitos puntos de vista da historia, desde onde se conta: desde a prensa aos obxectos, todo o mundo podía converterse en testemuña desa nova ficción de Elisa e Marcela.

ARETA.- Tamén moi interesante unha concentración que tivemos na que, aproveitándonos do traballo de Gena como investigadora, intentamos pensar como facer a ponte entre aquela época e agora, entre esa historia e a actualidade.

GENA.- Parecíame importante chegar a discutir e a entender desde onde pasan as cousas e desde onde as lemos. Para min é algo hiperbásico esa pregunta que repite moita xente de por que unha delas quería ser un home. Malia que para min elas foron unhas figuras especiais, o travestismo funcional utilizouse moitísimo entre as mulleres. Agora si empeza a haber estudos sobre iso e en Galicia e en España hai estes casos moi concretos. E é importante a lectura. Queren ser homes? E se queren ser homes, que? Cada persoa sitúase onde quere e ese lugar pode ser nos tránsitos. Hai que empezar a deconstruír dunha vez as feminidades e as masculinidades. Esa concentración da que fala Areta foi divertidísima porque serviu para facer prácticas drag-king, baixar certos conceptos a unha linguaxe popular como foi o caso da taxonomía de machos, para achegarnos a máis material sobre Elisa e sobre Marcela e atopar referentes para traballar con isto e ter clara a lectura que nos permitise manter esa relación natural da que falabamos e que elas teñen entre a seriedade e o humor e a súa aplicación case como técnica de acupuntura.

 

En decembro recibiron o Premio Luísa Villalta que outorga a Deputación da Coruña. Que supón ese recoñecemento para a compañía?

ARETA.- Primeiro que é de Igualdade e resulta moi emocionante recibilo. O apoio económico é moi importante para nós porque aínda que tivemos moitos apoios nós puxemos moito. E non estamos falando só de ilusión: arriscamos a compañía.

AILÉN.- Aínda que hai moitos concellos que se involucraron na produción, nós fixemos crecer moito o equipo. Ter este premio, indica que fixemos ben a pre-produción do espectáculo, e que sexa un premio á igualdade é moi bo para nós e para a liña que está a seguir a compañía.

GENA.- Para min o seu xeito de enfocar a produción é aire fresco, novas maneiras. Apostaron por facer un tipo de produción que non é habitual, implicando a institucións públicas e privadas para poder marcar os seus propios tempos. Ti ves aí todos eses concellos pero só elas saben canto suaron para conseguir iso que podía saír ben pero tamén podía ir mal.

AILEN.- Cando comezamos a ensaiar non tiñamos respostas dalgúns concellos e optamos por lanzarnos a piscina dunha produción de 60.000 euros sen saber se tiñamos 60.00 euros. Con Panamericana contamos cunha subvención pero entendemos que para Elisa e Marcela precisabamos máis tempo de ensaio.

ARETA.- Con todo, temos que agradecer a todos eses concellos o apoio, igual que ao Centro Dramático Galego. O si do CDG propiciou o si de máis sitios. Por outra banda, gozamos de tres residencias artísticas e o feito de ensaiar en espazos teatrais deu moita tranquilidade.

 

Cales son as necesidades que é preciso reclamar a nivel institucional?

AILÉN.- Fan falla máis axudas á distribución porque hai moitos produtos ao ano pero falta exhibilos máis.

ARETA.- E iso é máis difícil para un tipo de espectáculos cunha linguaxe máis contemporánea, danza, circo… case é imposible que ocupen un lugar.

NOELIA.- E son necesarias máis residencias. Hai moitos espazos que están baleiros e aos que non se pode acceder a ensaiar.

GENA.- Hai que ter a consciencia de que os espazos públicos deberan estar ocupados pola xente. Niso hai un certo cambio. A xente estase habituándose a estas residencias e sería necesario que existise unha regularidade. Pero a distribución é base e é onde os espectáculos medran.

AILÉN.- Ademais o boca a boca funciona e vai vindo máis xente. Entón, os espazos teñen que arriscar porque é un risco que pode traer beneficios para todo o mundo. Precisamos que a institución que é a que ten máis cartos arrisque, porque nós xa arriscamos bastante.

NOELIA.- Por outra parte, para contribuír a ese boca a boca hai que cambiar o sistema de comunicarnos co público. Nós buscamos outras formas de chegar á xente, facemos un marketing de guerrilla, como pode ser levar unha lona no que se informe de que Elisa e Marcela casan. Non é só unha cuestión publicitaria senón que crea o ruxerruxe que nos encanta crear en cada sitio que vamos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Son |

Nova Galega de Danza, IlMaquinario e Cándido Pazó, candidatos aos Premios Max

Gala Inaugural Festival Atlantica |

Os contos da VI edición do Festival Atlántica chegaron a máis de 5000 persoas