Co obxectivo de seguir impulsando a proxección da produción coreográfica e das artes do movemento feitas na comunidade autónoma a Xunta de Galicia vén de publicar a terceira edición do catálogo dixital Danza Galicia. A través desta ferramenta, promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través do Centro Coreográfico Galego, reúnense 137 títulos de 55 formacións profesionais, nunha recompilación “pensada para facilitar a súa visibilidade e circulación entre responsables de programación e axentes culturais”.
A nova entrega de Danza Galicia consolida esta liña de traballo “como instrumento de apoio á exhibición e á contratación”, ao tempo que ofrece unha panorámica “ampla e actual do momento creativo que vive o sector”, segundo destacan dende o Goberno autonómico. A publicación permite difundir dentro e fóra de Galicia un repertorio recente no que conviven compañías consolidadas e novas voces, así como propostas para sala e para espazos non convencionais, dirixidas a públicos diversos.
O catálogo dixital Danza Galicia 2026 xa pode consultarse e descargarse no apartado de publicacións da web da Axencia Galega das Industrias Culturais, tanto na súa versión en galego como en castelán.
Ademais da súa posta a disposición en liña, o catálogo Danza Galicia seralles presentado aos principais axentes do sector o vindeiro 16 de abril nunha acción específica que terá lugar no marco do festival Dansa Valência, un dos principais encontros peninsulares para a promoción da danza actual en todas as súas manifestacións.
Un escaparate do talento galego
Esta edición do catálogo dá conta da fortaleza e da pluralidade da danza galega actual, cunha representación moi ampla de linguaxes, formatos e enfoques escénicos. O volume recolle pezas de danza contemporánea, de raíz, urbana, inclusiva e transversal, ademais doutras creacións que dialogan co teatro, a música en directo, a performance ou o circo; e abrangue tanto espectáculos de longo formato como pezas curtas, propostas familiares e montaxes para público adulto. Ademais, segundo destaca a Xunta de Galicia, “o conxunto evidencia tamén a versatilidade da creación galega á hora de adaptarse a distintos contextos de exhibición e de establecer frutíferas dinámicas colaborativas entre artistas e compañías”.
As formacións rexistradas nesta edición cos espectáculos que actualmente manteñen en repertorio son Amarelo Cía., Amparo MP Danza Contemporánea, Artístika Producciones, Ay, Cariño!, Cali Danza, Can Cun Quinqué, Cía Aïda Colmenero Dïaz, Clara Ferrao Diz, Colectivo DeXeito, Colectivo Glovo, Colectivo La Veleta, Constance Hurlé, Cris Balboa, Cristina Montero, Daniel Rodríguez Cia, D’elas, Desfoga, Determinada Compañía, Disiden.Cía, Elahood, Elvi Balboa, Enésima, Et Suseia Danza, Eudanza, Eva Comesaña, Exire, Experimentadanza, Félix Fernández, Fran Sieira, Compañía de Danza, Furia Sotelo, IXA, Julia Laport Rivas, Kirenia Danza, Laboratorio Escénico, La Guajira, La Macana, Laura Llauder, Marcia Vázquez, Marta Alonso Tejada, Nelson Quinteiro Producións, Noa Covelo, Nova Galega de Danza, Óscar Cobos Compañía de Danza, Pablo Vázquez, Paula Quintas Cía., Pisando Ovos, Proxecto Morriña, Punto y Waack, Raquel Ferradás, Sil Producciones – Artes en Movimiento, Söa, Tango en Galicia, Tanit Cobas, Tuatha e Vacaburra.


