A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) vén de dar a coñecer que acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2026 a Antonio Durán, Morris. A organización declara que quixo outorgar este galardón ao actor vigués “en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional como actor, tanto no eido da comedia como do drama, cunha capacidade creativa excepcional que lle permite interpretar personaxes complexos ou populares e conmover os públicos máis diversos”.
Dende a MITCFC desvelan que o intérprete recibiu “cunha alegría tremenda” a nova da obtención deste recoñecemento, sobre todo, por vir de xente que comparte o camiño que el percorreu, segundo lles expresou. Morris tamén lles trasladou que o considera un “premio colectivo que recoñece a traxectoria dun montón de xente, tanto das persoas que xa non están como de outras que seguen a facer un esforzo titánico nesta profesión”. O premio será entregado o sábado 4 de xullo, ás 22:00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, dentro do marco da edición deste ano da MITCFC.
Morris, nado en Vigo no ano 1959, foi impulsor e cofundador no ano 1978 en Vigo da compañía Artello e da Sala Carral; “imprescindibles na modernización do teatro galego”, subliñan dende a Mostra. “Desde os inicios da súa carreira, cando apenas era un adolescente, o actor traballou activamente na profesionalización e dignificación da profesión actoral así como na consolidación do sistema teatral galego. En 1984 participou na creación do Centro Dramático Galego e hoxe é un referente indiscutible tanto para o público como para o sector escénico de Galicia”, destacan tamén.
“Cunha carreira interpretativa de case cincuenta anos, Antonio Durán traballou en máis dun cento de obras audiovisuais e é un dos rostros máis célebres e recoñecidos do cine, da televisión e do teatro en Galicia. Morris gañou en seis ocasións o Premio Mestre Mateo. Ademais, é merecedor dun Premio Feroz polo súa interpretación na serie Fariña, e foi nomeado en catro ocasións nos Premios María Casares pola súa actividade teatral”, conclúen.


