in

Le sorelle Macaluso

10506849 10152182689701857 4607113657005747393 o |

Guerras de vida diaria

| Camilo Franco |

 

Le sorelle Malancuso | Natasha Lelenko

 

Temos que supoñer que si. Que pararse a observar os comportamentos íntimos ou familiares mentres son tempos de bombardeos e guerras con outro nome, non é frivolidade senón o seu contrario. Que desviar a mirada do xeral para quedarse no particular non é outra cousa que un exercicio de prevención que, como todos, será convenientemente ignorado ou raposeiramente camuflado baixo a desorientante pintura dos eufemismos. Pero non. Todas as guerras son a mesma guerra. Chega con distinguir quen mata e quen morre.

Na morte comeza a historia contada de Le sorelle Macaluso que, como case todo o humano, comeza como verbena e remata como funeral. O incómodo da obra pode ser pensar que estamos aquí e somos así ou a saña con que o retrato describe os detalles. A peza compórtase moi humanamente: comeza como despreocupada e leva aos espectadores ata ese punto no que é imposible desfacerse da sensación de que o mal somos nós. Coloca os personaxes en primeiro plano e fai da declaración directa ao espectador un argumento documental. As historias están contadas desde a memoria, mesmo para evidenciar que a memoria de cadaquen incorpora unha considerable parte de ficción.

Emma Dante prefire un certo ton de épica familiar, da grandeza sufridora do proletariado, a moverse entre as trampas líricas que ofrece toda revisión de calquera tempo pasado que parece peor. Hai unha capa de homenaxe que, por veces, flota sobre a visceralidade real da historia. Non parece a propósito: calquera relato que se conta desde unha posición máis cómoda que os acontecementos provoca ese efecto. O mundo é cabrón e o relato da memoria sempre quere disimulalo. Polo mesmo, a obra vai cambiando entre a claridade con que se conta desde a beira do escenario, a esas alusións ás tebras que ameazan desde o fondo.

O resto, por dicilo dramaticamente, é interpretación. Da que desgasta, da que obriga o espectador a estar no seu papel. Da que chama polo público para que preste atención, mesmo un pouco en exceso, innecesariamente. Unha interpretación que podería servir para lembrar que o teatro non é nada máis que alguén facendo de alguén para contar unha historia. É sinxelo. O que non é tan sinxelo é facelo ben. O que non é tan sinxelo é non despistarse.


Publicidade

A obra aplícase moito nos detalles. Tanto que pode parecer exceso o xeito en que as actrices que están en segundo plano manteñen o personaxe mentres o foco está noutro lado. Están como estamos todos cando loitamos contra a familia: sen neutralidade. Coas marcas. Coas de bailar. Dante resolve a presenza das coreografías con naturalidade, integradas argumentalmente, utilizadas para contar nunha altura na que bailar parece imprescindible para demostrar pulso estético. A estas alturas do baile non estamos obrigados a bailar.

Comezar cun desfile e rematar chorando polos caídos é a historia diaria da vida. É a historia de Le sorelle Macaluso, nesa batalla na que non se distingue o amor do odio e na que todo parece vir do mesmo lugar. Comezar rindo e rematar chorando parece lei de vida e a montaxe cumpre de xeito escrupuloso coa lei. Polo medio só pode haber unha guerra cotiá, unha guerra que o teatro non pode parar, pero pode explicar. Esa mesma guerra que está no principio de todas as cousas. Incluso das boas.

 

Foto: Natasha Lelenco | MIT

Le sorelle Macaluso (As irmás Macaluso) de Emma Dante
Compañía: Sud Costa Occidentale
Dirección: Emma Dante
Elenco: Serena Barone, Elena Borgogni, Sandro María Campagna, Italia Carroccio, Davide Celona, Marcella, Colaianni, Alessandra Fazzino, Daniela Macaluso, Leonarda Saffi, Stephanie Taillandier.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. 20-07-2014

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

a tempestade |

A tempestade

10560480 10152182688696857 9110423223483593606 o |

Dot