Un (ca)baleiro ben encadernado
| Roi Vidal Ponte |
Un día despois de que o espectáculo que os Monthy Python están a ofrecer ao público londinense fose retransmitido en directo por cines de todo o mundo, a compañía Ron Lalá (en coprodución co Centro Nacional de Teatro Clásico que dirixe Helena Pimenta) presenta en Ribadavia unha versión do texto cervantino na que fan gala do característico humor musical que eles denominan como “estilo Lalá”. As casualidades e as comparanzas son odiosas, abofé; máis aínda cando un sae perdendo, cando ante o inxenio e o humor acedo do mítico sexteto británico se opón o chiste fácil e non tan cítrico dunha compañía madrileña.
Ron Lalá demostran ter a suficiente imaxinación como para versionar un texto tan canónico enchéndoo de anacronismos e chiscadelas á actualidade ao máis puro estilo Águila Roja e con cancións e diálogos en verso que parodian o xeito de dicir propio do teatro do Século de Ouro español. Pero mentres os de Terry Gilliam (quen, por certo, parece que por fin vai comezar a rodar a súa anunciada cinta sobre O Quixote) se obsesionan polos penes e a relixión, os de Yayo Cáceres o fan polos refráns de Sancho Panza, os papeis de Bárcenas e o libro de Belén Esteban.
O problema, postos a comparar, é que o seu sentido do humor, é máis topicamente castizo que tipicamente británico, está máis afastado de Les Luthiers que de Académica Palanca. É máis amable (populista?) e menos irónico que, xa que estamos a comparar, o que pode dar, sen ir máis lonxe, un grupo como Os da Ría. Aínda que tamén é certo que unha discusión sobre os diferentes tipos de humor que se reparten arredor da xeografía do universo mundo ten o risco de facernos caer ora nunha discusión filosófico-identitaria, ora en certos tópicos esencialistas de graza tan efectista como dubidosa.
Mais se cadra o maior problema que presenta En un lugar del Quijote non estea tanto na calidade senón na cantidade do humor empregado. Non deixa de dar certa carraxe ver como un grupo que posúe tan boas habilidades físicas, tecnolóxicas e escénicas desperdicia a oportunidade de ofrecer un espectáculo impactante e memorable para deixarse perder polo camiño da compracencia. É tal o exceso de chistes facilóns que o que se fai moi dificil é encontrar unha lectura minimamente interesante sobre o mito do cabaleiro da triste figura.
E dá carraxe porque os actores executan á perfección a partitura. O ritmo é impecable. O esforzo por encaixar interpretación actoral e musical non acepta crítica ningunha, pois conseguen que ambas estean a un grande nivel. O mesmo ocorre coa aparataxe escenográfica, onde é especialmente satisfactorio o uso da iluminación para acadar certos momentos máxicos como o da carreira a ralentí de Sancho e Quijote enriba dun corcel composto de libros, mentres os ilumina o ventilfoco, un grande ventilador retroiliuminado que relé de xeito iconoclasta o meirande símbolo da nai de todas as novelas. A música é executada en directo e combina elementos tan tradicionais como a darbuka ou o caixón flamenco con avances máis electrónicos como o pad de efectos dando moi bos resultados na súa achega a ese toque kischt que funciona na banda sonora pero que é demasiado esaxerado no deseño do vestiario.
Daquela que ocorre? Porque non resulta un espectáculo memorable? Porque non ha quedar marcado no corazón da vila ribadaviense? A resposta é tan triste como contundente. Porque a Ron Lalá non lle interesa. Porque non queren. Pasan. O seu obxectivo é facer rir e pasar un bo rato. En familia. Quedarase coa peña. Agradar a todos os publicos (A todos? Seguro que a todos?). Como moito irse de simpáticos. Dese tipo de simpatía tan televisiva.
Nada que obxectar, polo tanto, a un grupo que consegue o que pretentede. O problema é de raíz, de fondo, de estilo. É dicir: dramatúrxico.
O estilo bebe moito de Walt Disney na concepción global: amabilidade e tópicos conservadores, personaxes planos e unha trama previsible. A interpretación, na que sería inxusto destacar a un dos membros dun elenco que se retroalimenta constantemente no mesmo código interpretativo e na mesma maneira altisoante de dicir as frases, é exacta, precisa, e fisicamente impecable; pero un non acaba de saber cal é o motivo polo que hai algo que chirría: se é cousa de gustos ou ben que se quere imitar ese estilo infantil do cine de animación ou do primeiro Jim Carrey ou que realmente existe unha maneira de actuar moi española e castiza que roza o histrionismo ata un punto dificil de aturar por certos lares (ui, que outra vez nos metemeos no dos esencialismos…!).
O caso é que os propios produtores de Pixar repiten até a saciedade que o máis importante, por moito que avance a tecnoloxía e por moita graza que poidan ter os chistes puntuais, está no guión, en saber artellar unha boa historia. Isto non quere dicir que todo teña que ter unha estrutura de principio-nó-desenlace clara e inconfundible, pero si que, polo menos, todo estea encamiñado a deixar un pouso, un aquel, un algo, que se crave no maxín. E máis alá de establecer un simpático, aínda que xa moi visto, xogo metaliterario (pirandelliano) coa presenza dun personaxe-Cervantes ao que o seu propio personaxe-Quixote se lle escapa (e isto, e pouco máis, é o máis interesante da proposta en canto a contido se refire), a idea principal do espectáculo, que por momentos semella unha recopilación comercialota de greatest hits da novela, nace dun motivo tan pouco orixinal como automático: aquel que identifica ao texto de Cervantes co mundo do libro, así en xeral. E seguindo esa fórmula (Quijote=Libro) institucional, nacionalista e simplona, todo se enche de libros, grandes pacotes de libros tan gordos como o de Petete, páxinas que soben polas paredes e que chegan mesmo ata a escaleira que conecta a escena co patio de butacas.
Unha rápida ollada ao aspecto visual da montaxe, a ese horror vacui que leva os papeis escritos ata o máis mínimo detalle do vestiario, é suficiente para se facer unha idea do que En un lugar del Quijote pretende e é: un agasallo que unha vez que se abre desilusiona, un libro máis fermoso por fóra que por dentro, unha chea de papeis sen paxinar que se enchen de letras brincadeiras, dunha caligrafía barroca. Non deixa de ser coherente. Non deixa de ser divertido. Agora, o que si que non hai é unha lectura profunda. Porque as letras poden ser bonitas, moi bonitas. E sono, si. Vale. Pero que din? E sobre todo, que se supón que deberiamos ler nelas?
Foto: Natasha Lelenco | MIT
En un lugar del Quijote de Ron Lalá
Compañía: Ron Lalá, Compañía Nacional de Teatro Clásico
Dirección: Yayo Cáceres
Elenco: Juan Cañas, Íñigo Echevarría, Daniel Rovalher, Álvaro Tato, Miguel Magdalena
Dirección literaria: Álvaro Tato
Dirección musical: Miguel Magdalena
Vestiario: Tatiana de Sarabia
Iluminación: Miguel A. Camacho
Escenografía: Curt Allen Wilmer
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. 21-07-2014