Ata a realidade e máis alá
| Camilo Franco |
O mesmo non é lóxico supoñer que o horizonte último do teatro é a realidade tal como a coñecemos. Pero hai algo na realidade que, por veces, o teatro tenta acadar seguindo estratexias diferentes. Pode ser que o teatro non persiga outra cousa que a potencia vital da realidade. A vida sucede. Quizais sexa iso o que quere ser o teatro.
Unhas veces chega ata aí, outras veces queda na porta. Unhas veces tenta a imitación, outras ponse a distancia. Pode xogar a confundirse coa realidade ou pode marcar distancias con ela. Incluso pode ofrecer o paradoxo de canto máis próximo estea o escenario da realidade máis teatro sexa. Sudado está nese espazo tan próximo á vida que pode parecer irrelevante, as súas referencias son tan do cotidiano, do habitual que quizais deixe lugar para preguntar por que facer teatro desde aí. Pero o teatro é reinvención. E seguramente non hai nada máis difícil de conseguir que esa aparencia de de normalidade. A montaxe de Jorge Eiro é unha lupa sobre feitos correntes. Son correntes e son reveladores. Esta dobre condición é a que consegue a obra deixando o textual na normalidade colquial, xogueteando coa comedia, despreocupándose de se a reiteración é unha limitación ou un recurso. Na montaxe, como en tantas conversas entre xente normal, é máis importante o que non se di. A progresión está argumentada sobre actitudes, coloquiais e sobreentendidos. A historia avanza moito máis nos silencios. Son silencios e non pausas e por iso a obra comeza como unha comedia de certa agudeza e acaba na outra punta de outro xénero. Mesmo cunha intensidade que desde unha perspectiva pode ser innecesaria. Por aquí asoma outra volta a realidade e a súa normativa inexorable.
Na obra hai unha categorización desigual dos argumentos. Pero non é un feito caprichoso. Ao cabo nunca queremos aceptar o mal que priorizamos no día a día. Confundir o urxente co importante, distraerse nos reflexos dos abalorios ou xulgar as distancias que nos fan parecer mellores con respecto aos outros. Todo isto están Sudado, pero tamén está esa liña que foi central nun tipo de teatro do século XX. Unha liña que chegaba unha e outra vez á mesma conclusión: o comportamento humano observado en detalle é ridículo. É absurdo, pero non divertido. É desesperadamente inútil. Para chegar a esta conclusión o espectador ten que situarse por riba dos observados pero esta perspectiva queda invalidada polo xeito de interpretar da compañía. A obra quere eliminar esa distancia: non se trata de marcar que o escenario é un ámbito e o resto do mundo, gradas incluídas, é outro. Pero a precisión do comportamento, a variedade dos detalles acaba por sinalar o auténtico retrato: somos todos os mesmos en distintos lugares do relato. Quizais por iso un remate funeral. Unha comedia só acaba ben de verdade, só ten sentido, si ao final alguén nos volve colocar a todos no lugar que exactamente nos corresponde.
Foto: Natasha Lelenco | MIT
Sudado, de Jorge Eiro
Dirección: Jorge Eiro
Elenco: Facundo Aquino, Facundo Mejías, Julián Cabreras
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. 23-07-2014