De Bergson a Madonna
| Manuel Xestoso |
A tradición é unha forma de memoria colectiva. E resulta curioso que unha sociedade coma a nosa, aparentemente preocupadísima pola memoria, lle preste tan pouca atención á tradición: mesmo semella que foxe dela, identificándoa cun estadio da evolución que se desexa deixar atrás ou cun deses parentes que non ten modais na mesa. Non obstante, a tradición deixa un pouso difícil de eliminar e chega a estruturar a nosa visión do mundo, de xeito que, coma nos clásicos da psicanálise, o que se bota pola porta volve entrar pola fiestra. O pasado, opinaba Bergson, habita sempre o presente.
Uvas de collón de ghalo tenta amosar de que xeito se vincula a tradición co coetáneo ou, o que é o mesmo, a memoria coa identidade. Escarvando nas lembranzas familiares ou nos arquetipos máis próximos, ensínanos que o cosmopolitismo pode ter a súa orixe na emigración e que a liñaxe das vangardas adoita residir nas aldeas, onde o mundo se observa cunha ironía que desvela as imposturas máis certeiramente que os xornais da capital.
“Se falas con Deus, estás rezando; se Deus fala contigo, tes esquizofrenia”. Hai unha reflexión aquí sobre as dificultades que seguimos atopando para harmonizar o saber popular e a ciencia máis recente, para conciliar o acervo dos antepasados e as promesas dun futuro revelador pero incerto. Téndese a cuestionar o costume dende a innovación, esquecendo que cuestionar a modernidade dende a tradición é un exercicio igualmente fértil. Non é unha cuestión de opinións, senón de puntos de vista: modificando un chisco a perspectiva do observador, a estética pop de Madonna xa estaba aí, nas anciás vestidas de negro que van confesarse a diario.
ArtesaCía móstranos todo isto dende unha posición solidamente asentada nesta xeografía, onde a memoria que se perde inclúe unha lingua arrombada polos falsos apóstolos do progreso e onde os prexuízos sociais impúxoos, en gran medida, a alianza entre militares e cregos. A compañía logra caricaturizar a situación sen que se perda de vista a amargura da traxedia: a parodia non polemiza, senón que expón os seus argumentos para que o espectador xulgue por si mesmo.
A poética do espectáculo é a do fragmento: isto ten a vantaxe de que pode recoller materiais da poesía, da antropoloxía, da socioloxía ou da ciencia, sen que a intención se vexa comprometida. A desintegración da personalidade do ser humano, a inquietude que provoca e a busca de certezas que o rediman é unha das preocupacións principais do noso tempo: no escenario, esa incerteza do individuo revela as raíces colectivas que a sustentan.
Uvas de collón de ghalo recolle estas turbacións sen caer no discursivo. De feito, unha das súas principais virtudes é que logra achegar a estética do contemporáneo a un público amplo, demostrando así que tratar asuntos graves con intelixencia non é incompatible co humor nin co entretemento.
Uvas de collón de ghalo de ArtesaCía
Dirección: Roi Fernández
Elenco: Laura Villaverde
Escenografía: Roi Fernández
Música: Mércedes Peón e Berio Molina
Area Panorámica, Tui. 17 de outubro de 2014.
Moitas gracias por achegarte ata Tui e facer este agasallo de crítica. ArtesaCía