in

Cuerdas

cuerdas |

A historia interminable

| Roi Vidal Ponte |

Cuerdas

 

A dramaturxia contemporánea busca a novidade cada vez máis cerca. E non hai nada máis próximo que as persoas, e non hai nada máis afastado das persoas que a familia; esa institución que atrapa e que ninguén escolle, o primeiro mundo que nos recibe e onde a democracia xamais terá lugar.

Bárbara Colio semella interesarse polas familias coma nunca ninguén antes o fixera. Porque canto máis afondamos nos conflitos próximos menos sabemos. Ecoan con ela os dramas de Eugene O’Neill e os filmes de Alexander Payne, esas familias rotas, unidas pola separación; mais a dramaturga mexicana coloca os seus personaxes en situacións inestables e en espazos incómodos sen que a realidade chegue a lle dar paso á traxedia. O seu é un realismo mesurado no que, como na vida mesma, as persoas nunca chegan a se amosar completamente como en realidade son. Somos nós, en calidade de público, quen extraemos as nosas conclusións vendo ese incrible home minguante acceder a un mundo cheo de pequenos detalles; un mundo descoñecido, inexplorado e inhóspito. Véndonos tal e como somos e ignorabamos ser.

A compañía Los Lunes aborda a montaxe deixándolle o protagonismo ao texto e á interpretación. Toda a posta en escena xira en torno á mellor acomodación dunha narración áxil e minimalista. O espazo escénico baséase no uso do mobiliario para describir de xeito metonímico todos os lugares (aeroporto, avión, taxi, etc.) nos que os tres irmáns protagonistas van amosando as puntas dos seus icebergs. Hai unha utilización do espazo sonoro que é fundamental para que a proposta sexa o que é: practicamente todas as escenas teñen o seu comentario acústico de anuncios de megafonía, mensaxes de azafatas e pilotos e música de ascensor, conseguindo un efecto efectivamente frío mais tamén algo redundante, pois non acompaña a esa poética do mero apunte ou bosquexo que permea tanto o propio texto como a dicción actoral.

A dirección de Fefa Noia incide nunha posta en escena moi comedida, sen ningún tipo de espaventos nin indicios de egolatrías creativas. Déixalle paso aos actores coa condición de que non o sexan tanto. É como se a directora optase por desaparecer e desfacerse, como unha nube, entre o texto e a interpretación. E é un acerto que fai que o texto semelle respirar por si só e que case esquezamos que hai tres tipos que o saben de memoria. Se cadra por iso resulta algo estraño cando certas decisións simbólicas aparecen como sen aviso, como o uso das cintas separadoras para subliñar o comezo e o final do reencontro familiar.


Publicidade

A montaxe, con todo, deixa unha pegada amarga grazas a ese humor ferinte co que se conta a historia e deixa tamén un recordo emotivo marcado polo recoñecemento. Deixa un querer saber, un baleiro tan grande como o dos personaxes ausentes (a nai e as mulleres dos tres irmáns). Deixa a constatación de que agora xa nin a ficción vai ser catárquica, xa que a realidade non o é. Porque na realidade nunca hai un final.

 

Cuerdas de Bárbara Colio
Compañía: Los Lunes
Dirección: Fefa Noia
Elenco: Quique Fernández, David Luque, Carlos Martos
Escenografía: Silvia de Marta
Iluminación: Pedro Yagüe

Teatro Principal de Santiago. 17 de outubro de 2014.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

img 0256 |

30 e tantos ósos

artesacia |

Uvas de collón de ghalo