in

As do peixe

|

Cando a experiencia triunfou

| Roi Vidal Ponte |

as_do_peixe

 

Estamos ante o que seguramente sexa o mellor texto dun autor acostumado a bregar coas inxustizas cotiás, propias desa clase humilde da que tanto gusta. Neste caso catro traballadoras da industria conserveira rememoran unhas conflitivas condicións laborais. Con afán documental (o proxecto iniciouse contactando con mulleres reais), o dramaturgo crea un espello que coloca a idiosincrasia galega ante as súas miserias e grandezas, con liñas temáticas como as desigualdades (entre clases, sexos e idiomas) ou a escolla entre a loita e a resignación, e faino con recursos propios como o uso de monólogos anafóricos ou as referencias á cultura popular actual para converter a súa dramaturxia en algo que, en último termo, busca remexer nas emocións mediante a identificación do público coa escena. Un teatro tan de noso e tan universal que confirma a Pazó como a voz máis clara da súa xeración e a máis importante do teatro galego actual.

A dirección acerta na maneira na que enfoca a presenza da metateatralidade, recurso que noutras mans tería resultado empalagoso, mais que pasa aquí como algo natural e case desapercibido, favorecendo a comprensión da situación. Domínguez amosa un perfecto control dos tempos e os ambientes, manexando o percorrido emocional do auditorio ao servizo do texto, o que provoca unha resposta masiva por parte do patio de butacas.

E todo isto non sería posible sen a entrega de catro actrices en plena forma. Casilda Alfaro, ambigua e contundente, encarna a muller máis conservadora cunha interpretación moi expresiva, en coherencia co dramatismo que a súa personaxe require; Mónica Caamaño, melodiosa e agresiva, presenta a muller máis invisible que sabe poñerse diante cando cómpre, e faino cun elevadísimo control vocal que dota á personaxe de credibilidade e sutileza; Rocío González, doce e combativa, é o aire que de tan fresco resulta obsceno, e dálle á súa moza desenvolta un carácter moi de barrio mediante a dosificación da desvergonza; Susana Dans, chisposa e firme, cunha interpretación premiada cun María Casares (a súa quinta xerra, a terceira como protagonista), centra as gargalladas máis aplaudidas e confirma a súa arte para representar mulleres próximas cunha elegancia excepcional.

A escenografía, utilitaria e mimética, renuncia á carga simbólica para quedar case nun ilustrativo segundo plano, mentres que o vestiario realista axuda a identificar as diferentes personalidades do grupo e unha iluminación sobria remarca os claroscuros do cadro xeral.


Publicidade

Todos estes ingredientes converten As do peixe nunha montaxe que vén a demostrar que o teatro popular non ten que ser populacheiro, que se pode facer un teatro de aceptación masiva sen exabruptos nin compracencias facilonas, e mesmo cunha grande dose de reflexión política.

Unha obra histórica. Un triunfo, en horas baixas, da iniciativa dos profesionais do teatro do país. Unha mostra de que, aínda hoxe en día, un teatro nacional popular galego é non só posible senón necesario.

 

As do peixe de Cándido Pazó
Compañía: Abrapalabra
Dirección: Cristina Domínguez
Elenco: Susana Dans, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro, Rocío González.
Escenografía e vestiario: Carlos Alonso
Iluminación: Afonso Castro
Espazo Sonoro: Samuel Alonso

Auditorio da Xunqueira, Redondela. 25 de outubro, 2014

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

3040livingstone |

30/40 Livingstone

meu ben |

Meu ben