in

Perplexo

|

E ti, de quen ves sendo?

| Carla Capeáns |

ilmaquinario_perplexo

 

A compañía galega Il Maquinario Teatro vén de estrear o seu segundo espectáculo logo do éxito acadado con O Home Almofada, de Martin MacDonagh. Foron valentes e desta vez apostaron por Perplexo, un texto do alemán Marius Von Mayenburg. Apostaron, arriscaron e gañaron.

Perplexo dista moito daquel Home Almofada co que Il Maquinario acadaría seis nomeamentos nos Premios de Teatro María Casares desa tempada. Eu non son tan valente coma eles pero aínda así arríscome a dicir que este novo espectáculo supera notablemente ao anterior.

Todo comeza cando, logo dunhas vacacións, unha parella retorna ao seu fogar. Pero algo raro está a acontecer: o seu gato non aparece por ningures, hai unha nova planta na cociña e acaban de cortarlles a luz por falta de pago. Durante a súa ausencia, uns amigos da parella quedaran a cargo da súas cousas. Mais cando estes irrompen en escena a situación da un xiro inesperado: agora son eles os lexítimos propietarios da vivenda. Os primeiros abandonan o que ata entón era o seu fogar e os segundos comezan a facer vida normal. É entón cando a primeira parella, aquela que fora de vacacións a non se sabe onde, aparece de novo en escena. Pero algo mudou. Agora esa parella xa non é tal. Son o fillo da parella usurpadora de fogares e a súa au-pair.


Publicidade

E así sucesivamente os actores-personaxes irán trocando os seus roles en cada escena para adaptarse a unha nova realidade. O que comeza como unha desas comedias comerciais, de enredos entre parellas desemboca nun mar de preguntas sen resposta, de dúbidas e confusións: Quen somos? Quen queremos ser? Coma quen queremos ser?

Neste espectáculo hai un oco para a reflexión: invítannos a matinar sobre a busca da nosa identidade, sobre a explotación dos inmigrantes, sobre a permanencia do fascismo na sociedade actual…

Pero ante todo o que caracteriza esta peza é, sen dúbida, o surrealismo. Combínanse situacións cotiás con escenas dun surrealismo “surrealista” que inundan de gargalladas o patio de butacas. Escenas caóticas dun ritmo trepidante que lle inxectan enerxía ao espectáculo. A pesares da dificultade que entraña o manexo do caótico, en xeral non caen no descontrol. Aínda así en momentos moi puntuais, os actores-personaxes, semellan contaxiarse en exceso desa loucura e descoidan o volume das súas voces.
Os catro actores controlan o espectáculo, saben sacarlle partido aos momentos máis cómicos, séntense cómodos e forman un todo (sinal de que detrás hai unha boa dirección de actores).

En definitiva, Perplexo é unha comedia chea de loucura e surrealismo que xoga co espectador e que o confunde pero que ante todo o divirte. Un espectáculo que pensa no deleite do público.

Perplexo, de Marius Von Mayenburg
Compañía: Il Maquinario Teatro
Versión e dirección: Tito Asorey
Elenco: Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez
Tradución: Catuxa Pato
Escenografía: Luís Iglesias “Luchi”
Iluminación: Tito Asorey e Germán Gundín
Vestiario: Yaiza Pinillos
Espazo sonoro: Laura Míguez e Tito Asorey
Fotografía e vídeo: Aitor Uve

Galicia Escena Pro. Salón Teatro. Santiago de Compostela. 5 de novembro de 2014

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

pan pan |

Pan pan

janetnovassave |

Who will save me today?