in

Barbecho

barbecho |

Against interpretation

| Afonso Becerra de Becerreá |

 
Susan Sontag quixo liberar á arte contemporánea da submisión á semántica e ás interpretacións que buscasen lexitimala ou deslexitimala. Natxo Montero e Laia Cabrera rebózanse no xogo da danza-teatro coa ledicia dos porcos, co lecer das crianzas que gozan facendo castelos de area e derrubándoos. O contacto coa terra, a danza coa carauta de porco, os obxectos empregados e guindados… tódalas actividades escénicas como actos en potencia que fican en barbeito na intersección da luz e do movemento derrúen os significados. Igual que o simulacro co micrófono que se colle para falar, pero non se di nada.

Na segunda parte o simulacro paródico dunha visita guiada á instalación artística “Barbeito” de Natxo Montero, conducida pola comisaria da exposición, Laia Cabrera, para ironizar sobre o xogo das esexeses sobre a arte, sobre esa tendencia a buscar o símbolo, como se a propia morfoloxía artística e os seus vectores de forza non valesen por si mesmos.

BARBEITO lúdico e gamberro, con imaxes de grande beleza. A acción lumínica que marca zonas de xogo cenitais, pero que tamén é obxecto da mirada, como a lúa e as súas raiolas engaiolantes. O desfile dos porcos engabardinados ciscando a terra dos castelos que antes construíran con caldeiriños de xoguete, eses castelos que nos montamos e que sempre son fantasías inexpugnables que acaban por caer. O cheiro a terra húmida e fértil. A terra do xogo no palco como xermolo de calquera encantamento guiado pola coreografía da actriz e do actor.

Publicidade

Obxectos, movementos, luz e sombra… que remiten sen cesar ás dinámicas cíclicas dos xogos de infancia: os caldeiros de plástico de coloríns cos Angry Birds, as pas, o patín… collidos, empregados, abandonados e recollidos. A vasoira que non varre senón que é cabalgada alegremente. Os saltos e as traxectorias circulares que lembran as das rodas. A parodia dunha coreografía con aires de ballet clásico. Os cortes e interrupcións na música que indican un cambio nos roles de xogo, para retornar á acción que se estaba a executar antes. As mallas verde e azul brillantes, para un número circense que chega ao clímax estético nos exercicios de equilibrio de Laia tombada enriba dos pés de Natxo, achegándonos a unha imaxe surreal. Dar chimpos no sofá e guindarse cara atrás e cara adiante levándoo consigo. O xogo das pegadas na terra, arándoa cos pés nus, abrindo carreiros ao andar… cinguíndose á terra na xeometría xeroglífica do xogo e, para xogarmos mellor, deixar a semántica en barbeito.
 
Barbeito de Natxo Montero Danza

Dirección artística: Natxo Montero
Axudante de dirección: Pako Revueltas
Creación e actuación: Laia Cabrera e Natxo Montero
Deseño de iluminación e fotografía: Gabo Punzo
Vestiario e escenografía: Estiling
Música: fragmentos de A. Vivaldi e J. S. Bach

Festival Catropezas. Teatro Ensalle de Vigo, 16 de novembro de 2014.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

g 18 |

Que volvan as flores

arrieta |

Argh!