Crítica

Que volvan as flores

O tempo que a flor tarda en abrirse

| Camilo Franco |

g_18

 

Se esa imaxe axitada de mover as cadeiras fose unha alusión metafórica á necesidade de darlle unha volta a todo, de darlle varias veces a volta a todo, Rut Balbís estaría pedíndolle por favor ao espectador que, unha vez que se decida a abandonar a butaca, estea disposto a recompoñer todo, a cambiar tantas veces como sexa necesario as cousas ata que encontren o lugar natural. O lugar xusto.

Pisando Ovos dalle moitas voltas ás cadeiras. Interpreta e reinterpreta un espazo buscando encontrarlle o significado xusto e situar ao espectador nun punto de sensibilidade no que os movementos vaian adquirindo progresivamente un maior significado. Quizais o espectador poida aceptar esa proposta ou quizais entenda todo ese moverse como un prólogo, como a organización previa a un canto, como un territorio que non terá definición completa ata que chegue o momento en que a flor abra. E algo tarda. Unha parte de todo ese movemento de sillas acaba por parecer retórico, pero quizais non tanto porque o seu carácter estea reiterado e poida parecer máis estético que comunicativo, éo porque cando finalmente a montaxe cambia de sentido e aparece claramente a danza, a potencia e a claridade da mesma converte o anterior nun espazo intermedio, nun apunte sobre algunhas cousas que poderían pasar.

Balbís aproveita os xogos e Que volvan as flores parece tender a deixarse levar por eles, a non entrar en materia coa suficiente profundidade. Pode ser o signo dos tempos, e que a decisión estética estea moito máis clara que a decisión argumental, que as dúbidas sexan máis decisivas que as certezas. Neste sentido, o espectáculo de Pisando Ovos é suxerente, obriga ao espectador a preguntarse en que momento cambiarán as cousas. É suxerente, pero irregular. E quizais este sexa outro sinal dos tempos: esa marca de indefinición pola que estamos atravesados. Por momentos, o xogo da obra é estimulante: toda esa gana de recolocar e tamén esa ilustración sobre que o reconstruír nunca se acaba. A reconstrución vaise demorando sen que ese retardo incorpore discurso novo. Nese retardo desaparece algo da sorpresa e da frescura e aparece algo mecánico, case como unha contradicción. Contra a segunda parte a construción de imaxes esperta por tras da danza e asoman moitos máis matices, a peza gana en dinámica pero tamén en significado. Gana en claridade e finalmente parece que é unha flor que tarda algo demais en abrirse.

 

Que volvan as flores
Compañía: Pisando Ovos
Creación e interpretación: Rut Balbís
Axuda en dirección: Janet Novás
Iluminación: Afonso Castro
Técnico en escena: Afonso Castro / Fili
Vestiario: Santos Salgado

Galicia Escena Pro. Salón Teatro. 4 de novembro de 2014.

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!