Fotograma conxelado
| Manuel Xestoso |
Os creadores de NOT Never on Time denominan o seu espectáculo “filme escénico” porque a narración se apoia en recursos visuais, fundamentalmente proxeccións de fotografías que funcionan como comentario, como reforzo ou como explicación do que sucede na escena. Ás veces, estas proxeccións cargan co contido narrativo que non aparece no escenario e, nestas ocasións, o discurso está máis próximo á fotonovela que ao cine.
Mais si hai algo puramente cinematográfico nesta función: a súa vocación contemplativa. Veñen á mente, por exemplo, os longos planos de filmes de Antonioni ou de Tarkovski nos que “non pasa nada” e cuxo contido transcende o pictórico para se transformar nunha turbina de suxestións que nos achega ao espazo emocional do personaxe.
Cabe preguntarse ata que punto o teatro precisa destes recursos vicarios para penetrar no interior das súas criaturas e ata que punto, ao depender delas, non se transforma nunha outra cousa que se afasta da súa esencia. Porque o certo é que o traballo da protagonista resulta velado en moitos momentos pola súa presenza nas grandes proxeccións que ocupan o escenario. E que a desaparición da acción dramática como motor do teatral acaba xerando un estraño híbrido no que o traballo actoral resulta máis complementario que substantivo.
E, non obstante, o experimento resulta atractivo cando se trata de explorar a xeografía da angustia, a caída nese estado de desesperanza e abatemento que leva á renuncia absoluta, á desconexión co mundo. A protagonista de NOT Never on Time pode servir como paradigma desa soidade que arrodea ao individuo cando o insoportable dunha situación supera os límites das súas forzas. Os motivos non importan: a historia mantense deliberadamente afastada das explicacións e centra o foco nas consecuencias, na recreación da circunstancia. Enténdese que non existe apelación á obra aberta que o espectador debe completar, xa que a prioridade aquí é a empatía co transo polo que pasa a personaxe. Aínda que a fronteira que separa a ambigüidade da indefinición se converta nunha liña sumamente feble, coma nun fotograma conxelado.
Concentrarse nun estado anímico supón adoptar un ton máis lírico que descritivo e aí é onde o técnico subministra argumentos para que o espectador permaneza atento: ben a través da coidada narración fotográfica, ben polo exquisito espazo sonoro, a embalaxe que acubilla á actriz permite que o interese do público esvare cara a esa identificación afectiva. Talvez sexa un truco que transgride os límites do que consideramos teatro. Talvez unha ampliación do campo de batalla. Pero resulta moi difícil substituír a emoción pola tecnoloxía.
NOT Never on Time de Khea Ziater
Dirección e dramaturxia: Alex Gerediaga
Elenco: Arrate Etxeberria
Textos: Mikel Somiñona
Fotografia: Son Aoujil
Vestiario: Azegiñe Urigoitia
Espazo Sonoro: Joke De Vriese
Iluminación: Oier Ituarte
Edición: Nouvelle Basque
Técnico proxeccións: Javi Andraka
Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo. Auditorio Municipal. 13 de marzo de 2015.