in

Três dedos abaixo do joelho

tiagorodriguez3cbeaborgers 0 |

Herdanzas sen testamento

| Vanesa M. Sotelo |

tiagorodriguez3cbeaborgers_0

 

“A nosa herdanza non está precedida por ningún testamento”, escribiu o poeta Renè Char. Dalgún xeito, este pensamento xorde a medida que se desprega sobre a escena o universo de Três dedos abaixo do joelho, de Tiago Rodrigues. O título do espectáculo, Três dedos abaixo do joelho, fai referencia á altura máxima que podían ter as saias das actrices durante a ditadura en Portugal. Baseada en documentos reais atopados nun arquivo de censura de teatro durante o réxime fascista, esta produción de Mundo Perfeito –estreada en 2012 en Lisboa- xoga coa “ironía de facer teatro con aqueles que o amputaron” e de transformar os censores en creadores.

Presentada no Teatro Carlos Alberto do Porto o 20 de xuño –cun aforo practicamente completo- durante o Festival Internacional de Expresión Ibérica do Porto, nunha edición que serviu para ofrecer unha intensa mostra da potencia da creación portuguesa contemporánea, Três dedos abaixo do joelho abre un diálogo entre a actualidade e a realidade escénica das décadas que van dos anos 30 a 1974 e propón unha lectura sobre a ameza que sempre supuxo o teatro para o poder e a sobre a súa importancia para o bo desenvolvemento dunha sociedade libre capaz de crear e non unicamente educada para repetir o que mediadores culturais consideren axeitado.

Enténdese a censura como a intervención –supresión, variación, etc…- que se leva a cabo no contido ou forma dunha obra por cuestións morais ou políticas. Três dedos abaixo do joelho, a través do traballo da actriz Isabel Abreu e do actor Gonçalo Waddington, expón un inventario de accións censoras entre o poético e o absurdo nun xogo de distanciamento que vai desde a intervención sobre o corpo dos intérpretes ou a execución actoral ata a manipulación do texto que se vai riscando e variando na escena.

“Hai palabras que son importantes. Hai cortes que son importantes”. As palabras nomean o mundo e constrúen a realidade. Extirpar unha palabra fai que unha realidade deixe de existir para o conxunto da sociedade. A substitución dunha palabra por outra pode matizar ou cambiar a perspectiva que se dá do mundo. Deste xeito, a palabra “escravo” é substituída por “servo”, “inxustizas” cámbiase por “aflicións”, “a violencia dos tiranos” substitúese polos “malos tratos dos infames” ou “a lentitude dos tribunais” pasa a transformarse na “morosidade da xustiza”. E neste xogo que mostran os intérpretes tomando fragmentos de diferentes obras censuradas é posible sentir a variación que exerce sobre a percepción da realidade o emprego dun termo ou outro, a ausencia ou a presenza dunha palabra. Trátase dun xogo sutil e maquiavélico executado en escena ao tempo que o público pode ler o texto da peza que se proxecta desde a “Entrada do público” ao blackout final.


Publicidade

A predominancia dos estilos interpretativos da época son tamén postos en cuestión durante a peza. O hieratismo e a grandilocuencia que –sen necesidade de referentes locais teñen os seus equivalentes en cada contexto xeográfico- son expostos nesta proposta meateatral e intertextual que cita e evoca moitos espectáculos –como o Andorra , Hamlet ou Miss Julie– e que invoca múltiples personaxes ata acabar por mesturarse con fragmentos audiovisuais de pezas de teatro adaptadas para televisión. Deste xeito, a convivencia de materiais de diferentes soportes potencia o carácter de teatro-documento e de memoria viva que posúe esta herdanza sen testamento que é Três dedos abaixo do joelho.
Três dedos abaixo do joelho: unha herdanza sen testamento por abordar un material do pasado e referentes directos que, sen dúbida, inflúen ou influíron no contexto no que se desenvolve o traballo creativo actual. Unha herdanza recibida pero para ser empregada sen instrucións de uso nin de continuidade. Un material crítico e lúdico no que entra o imprevisible, que rescata a memoria e cuestiona sobre as pontes que existen entre a creación primeira e a produción final. Un mosaico de textos e un especial gusto pola palabra viva.

 

Três dedos abaixo do joelho de Tiago Rodrigues
Compañía: Mundo perfeito
Dirección: Tiago Rodrigues
Interpretación: Isabel Abreu e Gonçalo Waddington
Investigación e apoio dramatúrxico: Joana Frazão
Vídeo: Edición de Tiago Guedes e Rita Barbosa sobre diversas pezas de teatro adaptadas para televisión cedidas polo Arquivo da RTP
Escenografía: Magda Bizarro e Tiago Rodrigues.
Deseño de luz: André Calado.
Panel escenográfico e imaxe do cartaz: Rita Barbosa
Canción orixinal “O gosto do poder”: Márcia Santos
Dirección de produción e fotografía de escena: Magda Bizarro.
Texto: Collage de Tiago Rodrigues, a partir de documentos de diversos censores do SNI redactados entre 1933 e 1974, incluíndo breves fragmentos de textos dramáticos censurados de varios autores.
Produción Executiva: Rita Mendes.
Sobretítulos: Magda Bizarro e Rita Mendes.
Co-produción: Alkantara festival e Teatro Nacional Dona Maria II, Kunstenfestivaldesartes (BE) e De Internationale Keuze van de Rotterdamse Schouwburg (NL)

Fitei, Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica. Teatro Carlos Alberto, Porto. 20 de xuño de 2015

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

molina |

Miguel de Molina al desnudo

circulos |

Non toques os meus círculos