in

O principio de Arquímedes

arquimedes |

Paranoia e repetición

| Roi Vidal Ponte |
| Foto: Natasha Lelenco / MIT Ribadavia |

 
Os mecanismos de control do público e o privado semellan cada vez ser menos diferentes entre si. Coa desaparición da comunidade tradicional, a sociedade individualista adquiriu tintes de pesadelo kafkiano, só que sen ser unha ficción. A obsesión pola seguridade fomenta novos columbines e o medo a ser desposuídos das pertenzas remata en apedreamentos virtuais por medio dese cada vez máis grande irmán no que se converteron as redes sociais.

Que pasaría se un pai acusase de pervertido a un dos monitores da piscina? Esta premisa abre a billa dun conflito con afluentes en todas as canles nas que se funden o público e o privado, especialmente naquelas nas que a familia delega as súas responsabilidades na sociedade, coma se esta non fose líquida. O primeiro resultado desta acusación é un conflito laboral, pero o último é a desesperación dun individuo que, como o estranxeiro de Camus, se ve totalmente incapaz de demostrar a súa inocencia.

Toni Salgado encarna ese individuo cunha interpretación naturalista que facilita a identificación do espectador co que acontece no escenario. Salgado aproveita para lles sacar partido aos fortes contrastes dun personaxe que comeza fachendoso e sedutor e que remata completamente histérico e illado, como un Golum de dobre personalidade ao que a desconfianza dos demais lle leva a desconfiar de si. É un papel difícil no que o actor somerxe o corpo, desbotando o flotador dos convencionalismos, para brindar unha actuación máis que meritoria.

Con todo, é o drama social de herdanza ibseniana o punto forte da representación. Como soe ser habitual na compañía, todo está posto ao servizo do texto, desde a escenografía realista (que neste caso non achega nada desde un punto de vista dramático), até unha dirección actoral pulida de ritmos ben marcados na que María Barcala fai de xefa das piscinas navegando entre a autoridade da súa voz grave e a febleza da súa finura interpretativa; Alberto Rolán é o compañeiro cómplice que acaba opoñéndose ao seu igual e Marcos Viéitez o misterioso pai que provoca o conflito. Cada un co seu estilo, e sempre dentro dos canons da mímese realista, pode que a montaxe acuse algo a diferenza xeracional entre os veteranos Viéitez e Barcala, dunha banda, e Salgado e Rolán, da outra, xa que aqueles aínda gardan reminiscencias dunha teatralidade nos dicires e os andares que estes parecen ter desterrado da súa actuación.

En todo caso, son autor e texto os que máis brillan, e iso é o que buscan Lago e os actores, así que todos saen gañando polo lado da corrección. No canto de formular unha narración convencional dos feitos, Corominas introduce dislocacións temporais: constantes pausas, avances e retrocesos que fan que a trama experimente, de maneira moi audaz, coa repetición. Presenciamos as mesmas escenas dúas veces, o que por un lado presenta o reto da súa execución exacta e polo outro apela ao público a reflexionar sobre o que ve. Nesta mesma dirección á procura do distanciamento brechtiano sitúase a pequena grada de espectadores no fondo da escena como fisura pola que escapa a aparencia de realidade e entra a consciencia do artefacto: ao verse reflectido na escena de maneira literal, o público toma consciencia de si mesmo e do seu carácter colectivo para que unha vez acabada a representación comece o intercambio de opinións entre os asistentes como o mellor trampolín para o debate social. Un debate no que conviría mollarse.
 
O principio de Arquímedes de Josep Maria Miró i Coromina

Compañía: Teatro do Atlántico
Dirección: Xulio Lago
Elenco: María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán, Marcos Viéitez.
Escenografía: Baltasar Patiño
Deseño de iluminación: Baltasar Patiño / Xúlio Lago
Música e espazo sonoro: Anxo Graña
Vestiario: Susa Porto

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 22 de xullo de 2015.


Publicidade

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

lamerda |

La merda

a house in asia |

A house in Asia