Virtualidade do texto
| Manuel Xestoso |
O virtual dá moito medo: sabemos que a tecnoloxía serve para consolidar formas de control social de aparencia amable; sabemos que ese control manifesta unha preocupante tendencia cara ao totalitarismo; e sabemos que iso que insistimos en chamar “novas tecnoloxías”, aínda que xa non sexan tan novas, esténdense a escala planetaria a unha velocidade descoñecida até o de agora. Por iso tendemos a imaxinar o futuro distópico coma unha exacerbación do presente.
Pero os temas son de agora mesmo: a expansión da vixilancia, o simulacro como ferramenta de subxectivación do discurso hexemónico, a conformación dunha realidade que reforce as relacións de poder. O mundo persistente apunta a varios dos asuntos que ameazan a imaxe que temos do mundo e procura facernos reflexionar sobre esa nova variante do exercicio do poder que consiste en seducir ao consumidor (xa non hai cidadáns) para que obedeza, crendo que é a súa vontade, e non unha forza externa, a que o conduce a asumir os estándares impostos.
Hai unha linguaxe intencionadamente próxima ás xeracións máis novas, aquelas que medraron inmersas nestes mundos virtuais e polo tanto son máis vulnerables á ubicuidade desta manipulación. É un presuposto discutible. En realidade, onde se confirma en maior medida esta vocación xeracional é na escolla do modelo de rebelión ante este estado de cousas: un individuo coa carauta de Anonymous cuxo principal referente é o discurso de Thoreau sobre a desobediencia civil. Cabe interrogarse sobre se este modelo, pacífico e conciliador, non forma parte desoutro discurso que oculta a verdadeira magnitude das contradicións sociais xeradas polo sistema.
En todo caso, hai coherencia entre esta escolla e a natureza dun proxecto que ten como obxectivo poñer en contacto estudantes de tres escolas de Arte Dramática de Galiza e Portugal. En certo sentido, o produto final é o resultado dun intercambio no que as afinidades afloran e serven de punto de partida para un espectáculo.
O problema é que a trama que vehicula estas inquietudes non acaba de decidirse por narralas dunha forma tan visual como o mundo que pretende reflectir. A historia comeza a ser exposta por un narrador e, a partir de aí, establécese un rexistro no que é máis o que se nos conta que o que realmente vemos. O texto de Epelde permanece impasible ante os acontecementos: non nos conduce cara a ningunha emoción, por máis que manexa material suficiente para explorar moitas. Poderiamos dicir que permanece na virtualidade con respecto á materia que trata.
A dirección de Tito Asorey logra subliñar algúns dos puntos de interese da historia que nos aluden directamente: a obsesión pola creación dunha imaxe retocada de nós mesmos que mellore a nosa proxección pública ou a falta de intensidade dunha existencia vivida de forma vicaria. Mais o divorcio entre o argumento e os personaxes non permite que esas cuestións se desenvolvan coa plenitude que merecen.
O relato sostense pola actualidade dos seus contidos –aínda que todos sexamos conscientes de que o sistema nunca se preocupará por nós. Tal vez por iso o público da estrea decidiu poñerse de parte da obra, dos actores e da dirección e aplaudiu insistentemente o traballo de todos eles.
Mundo persistente de Fernando Epelde
Dirección: Tito Asorey
Elenco: Germán Álvarez (ESAD), João Cachola (ESTC), Marta Dias (ESMAE), Hugo Olim (ESMAE), Tamara Barja (ESAD), Vicente Wallenstein (ESTC), coa participación de Miguel Costa (ESMAE)
Iluminación: José Manuel Faro (ESAD)
Escenografía: Miguel Costa (ESMAE)
Vestiario: Sofía Rodrigues (ESTC)
Estrea no Salón Teatro, Compostela, 1 de xuño de 2016.