in

Política de terra queimada

o mundo web |

Monos, lobos, homes…

| Roi Vidal Ponte |

 

o-mundo-web

 

Iso de que ao posdrama lle falta discurso e lle sobra aparencia é unha falsa verdade que non por máis se repetir ha tornar máis certa. O posdrama non é só fragmento e paisaxes, non é só caos e valetudo, pois hai exemplos de exercicios que desde a multiplicidade de estímulos e as paisaxes fragmentarias dan boa conta das posibilidades expresivas do subxénero. Toda estética implica unha ética e hai teatralidades que se demostran tanto ou máis eficaces que o(s) realismo(s) para incidir na sociedade cunha mensaxe dura, clara e contundente.

Política de terra queimada é un deses exemplos. Ancorada na estética do metateatro máis algareón e da deconstrución da ficción moderna, rompe a cuarta parede e asemade os moldes da educación e o gusto para dicir o que quere dicir sen dicilo de maneira explícita. Non precisa da parodia para chegar a ser denuncia e baséase no ridiculismo para transitar de maneira libérrima polos límites da farsa. Podemos entender os poucos cadros que compoñen a peza como diferentes modos, cada vez máis evidentes, de evidenciar a violencia. A violencia e o seu ocultamento disimulado. E a violencia que implica ese disimulo.

O home é o ser máis hipócrita da natureza. Finxe ser garrido e sedutor cando non é quen de controlar os seus máis baixos instintos. O macho actual vese obrigado a caer ben e non pode impoñer a forza, e Germán Gundín, ideando un personaxe tan noxento que mesmo pode chegar a lembrar a certo presidente de certo país, encontra na exposición frontal do bufón máis desagradable a maneira de corporeizar a súa violencia animal dirixíndose ao respectable de forma directa, cómplice, incómoda e nada respectuosa. Querémonos naturais e harmoniosos en constante equilibrio co hábitat, mais… el non é ese hábitat o que nos impele á violencia? Porque ao final, detrás do buenrollismo sempre habita un monstro, un simio que ameaza coa malleira a quen lle molestar, un verme que se arrastra suplicante ante quen o ameaza con romper o seu computador portátil.

Hai tamén unha muller, que se quere inxenua e doce e obediente como manda o tópico pero que tampouco é quen de ocultar o seu animal, e que está representada co corpo polivalente (feble e forte, feo e fermoso) de Merche Pérez. E hai unha escena musical (por que será que sempre volvemos ao baile?) na que o home e a muller celebran o agarrado romántico que se quebra con arrebatos grotescos como lóstregos que ceiban e trousan o bicho repugnante. E, con todo, a animalización repele máis nun caso ca noutro, seguramente porque nun é activa e no outro defensiva, aínda que quen sabe… As explicacións biolóxicas chocan e perturban a historia de civilización que nos contamos. A cultura teima en tapar o monstro, pero aí está o teatro para evidencialo.

Este terrexío está logrado con intelixencia e sutileza. A música en directo, minimalista e agresiva cando cómpre, vai da man da excelente concepción escenográfica para crear uns ambientes fermosos e efectivos. Unha simple e enorme peza plasticosa de aspecto metálico serve para facer de fondo paisaxístico xunto co sempre socorrido ciclorama para se converter, de modo máxico e teatral, nun elemento que acaba por cobrar vida ao tornarse símbolo totémico e monstruoso dese animal que nos ameaza e ao que intentamos someter con pouco éxito.

O resultado, contado desde un humor que busca incomodar (diríamos putear, de podermos facelo) do mesmo xeito que a brincadeira de rañar coas uñas o encerado, é un espectáculo curto cuxo final abrupto pode verse como colofón a esoutra maneira de facer teatro de denuncia que é o posdrama-crítico-non-autocompracente.

Unha mostra máis de que a procura das formas non é mirarse o embigo cando se relaciona cunha intención final filosófica, antropolóxica, social, teatral e, xa que logo, necesaria.


Publicidade

 

Política de terra queimada de Santa Nómina

Creación colectiva de Paz Buelta, Germán Gundín, Merche Pérez, Antón Piñeiro, Diego Rodríguez e Amanda Seijas
Dirección e dramaturxia: Paz Buelta Serrano
Elenco: Pablo Calvo (voz en off), Germán Gundín e Merche Pérez, coa intervención de Antón Piñeiro, Diego Rodríguez e Amanda Seijas
Escenografía, vestiario e iluminación: Amanda Seijas
Música en directo: Antón Piñeiro e Germán Gundín
Son: Antón Piñeiro
Máscaras: Germán Gundín
Coprodutores: ESAD de Galicia

Salón Teatro, Santiago de Compostela. 21 de xaneiro de 2017

 

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ultimosdias01 |

Os últimos dias da humanidade

trasluzcadro |

O cadro e ser feliz