in

Festival Seiscordas 2017

seiscordas |

O agromar da resistencia

| Laura Porto |

 

Cada ano, a finais de novembro, na sala Ensalle pode saborearse a maxia do escénico na forma dunha festa danzante que preludia o mes da Saturnalia.

Nun panorama teatral tan estático coma o noso é complicado atopar gotas de luz, sen dúbida. Porén, sempre aparecen, devolvendo a esperanza ás espectadoras e profesionais das artes escénicas en busca da resistencia á desaparición. Iso é o que fan as nosas profesións desde hai un tempo: resistirse a desaparecer. E nesa loita a sala Ensalle organiza cada ano o Seiscordas, un evento sen comparación, polo menos, nuns 100 ou 200 quilómetros cara á dereita do mapa; e nunha cidade que lapidou até a morte cada reduto de resistencia cultural que aínda quedaba.

O Seiscordas é un pequeno e modesto festival que durante tres días acolle as creacións de diferentes artistas do mundo da danza e o teatro-danza para no último día facelas dialogar libremente nunha sorte de jam session escénica que deron en chamar noite de danza intensa. Esta noite é probablemente a máis relevante do ano na escena cultural viguesa, non sei se para a espectadora de a pé, pero si para aquelas que día a día traballan en encapsular o teatral en segmentos, organizalos ritmicamente e rezar para que lle resulte interesante alguén… Porque na noite de danza intensa sucede todo iso sen pretendelo, dun xeito respirado, bastante espontáneo, probablemente alquímico.

Hai danzantes e hai músicas: un músico e unha música que xeran o espazo sonoro que fai xurdir o movemento, ou máis son, ou un escape. As danzantes percorren todo o espazo dese garaxe reconvertido en fábrica de vida que é o teatro Ensalle, comezando no ambigú, pasando por unha pequena sala que supoñemos se usa para ensaios até chegar ao palco, cun momento de simultaneidade dos dous últimos espazos. Aquí o público é libre. Podemos ir a onde queiramos: saír dunha sala para entrar na outra e abandonar esa para volver á anterior se queremos. Non pasa nada, estamos aí para espreitar o que poidamos.


Publicidade

Grazas a unha afluencia de público moderada é complicado perderse algo e podemos ter a sorte e o privilexio de gozar de todo o que se ofrece sen dificultades, mais isto, este luxo, é un luxo triste. O Seiscordas, como evento único no ano que é, e evento magnífico ademais, debera estar abarrotado. O lóxico sería que houbese disturbios, que tiveramos que escalar sobre outras espectadoras para ver ben o que se está a facer. Iso é o que sería de lei ante un evento tan único, mais non sucede así. Chegamos unhas poucas, case todas coñecidas, e mesmo temos sitio pra sentar, e podemos falar todas en conversas paralelas sen elevar demasiado os decibelios da sala, e iso non está ben. Non está ben dedicarte as artes escénicas ou estar a formarte nelas e adicar unha parte do teu tempo a protestar activamente porque a vida cultural da cidade morre, porque a matan, cando se elixe quedar na casa enchufadas a calquera coñecida plataforma de streaming baixo demanda en vez de acudir ao teatro nun día coma o domingo do Seiscordas.

Se nós non facemos nada por salvar as artes escénicas, ninguén o vai facer por nós, nunca. Xa vai sendo hora de asumir a nosa maioría de idade kantiana e comezar a encher os teatros. Porque só con teatros cheos poden xurdir outros novos, porque abarrotar o próximo Seiscordas é o mínimo para recoñecerlle o seu traballo ás persoas que o fan posible: á Resistencia.

 

Participantes:
Ana Buitrago
Raquel Sánchez
Sara Martín
Xavi Manubens
Isaak Erdoiza
Nazario Díaz
David Santos
Elena Vázquez

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eduardoalonso1 |

Entrevista a Eduardo Alonso

tráfico2 |

O muro, por Carlos Santiago