A Mostra, que se celebra do 23 ao 30 de decembro, chega á súa 14ª edición fomentando o encontro de adultos e crianzas a través da escena
O sábado 23 de decembro comezará a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI) cun espectáculo de rúa, EMOTIonario, a cargo da compañía ourensá Trécola. Será a primeira das catorce compañías que pasarán este ano polos escenarios desta Mostra, que ata o día 30 presentará dezaseis funcións teatrais nas que se busca, en palabras de Fernando Dacosta, director da MOTI, dedicarlle tempo as crianzas xa que “elas tamén merecen o dereito cidadán á Cultura e á Educación”.
A MOTI desenvolverase en catro espazos diferentes: o Campus universitario, o Teatro Principal, o Auditorio Municipal e, na rúa, a praza de San Martiño, precisamente, o escenario onde Trécola abrirá esta edición.
A diversidade das propostas é a principal carta de identidade da MOTI deste ano, na que se poderán atopar espectáculos de danza, música, monicreques, teatro de sombras, de autor e de rúa.
As compañías galegas son maioría no programa e así, despois de Trécola, presentarán os seus espectáculos Gepetto, ([Du]as viaxes de Gulliver), Caramuxo (Redondo), Magín Blanco (O camiño dos paxaros), Matrioshka (Manawee), Casacoco (O tesouro de Xalundes), Avoa Youja (O aloumiño dunha estrela), A gramola gominola (Cancións para desafinar) e Baobab (Pum pum).
Dende Castela e León, Cal y Canto Teatro presentará A-ta-ka! e Ultramarinos de Lucas, a súa versión de Pinocho. Títeres Etcétera de Andalucía mostrará La caja de los juguetes, mentres que os cataláns da Compañía Roberto G. Alonso traerán Zaquizamí. Finalmente, a Compañía de Sombras Chinas Valeria Guglietti, de Arxentina, realizará un resumo da súa traxectoria co espectáculo Diez años de sombras.
O prezo das entradas aos espectáculos é de 3 e 4 euros.
Pódese consultar o programa completo aquí.
Foto: Pum pum de Baobab Teatro. Victor Moreno.