O Teatro Colón acollerá, o 27 de decembro, un pase de Eroski Paraíso, en colaboración coa organización Predif Galicia, adaptado para persoas con discapacidade motora, visual, auditiva e intelectual.
Chévere despide 2017, o ano do seu 30 aniversario, cunha función accesible do seu espectáculo Eroski Paraíso, que se poderá ver de balde no Teatro Colón de Coruña o día 27 de decembro. Así, Eroski Paraíso adaptarase para garantir que todas as persoas teñan a oportunidade de gozar da obra, independentemente das súas capacidades.
Concretamente, esta función contará con un espazo especialmente habilitado para persoas usuarias de cadeiras de rodas, intérpretación a lingua de signos, subtitulado para persoas xordas e audiodescrición para persoas cegas, así como material de apoio para persoas con discapacidade intelectual. A adaptación deste espectáculo foi posible grazas á colaboración entre Chévere e a organización Plataforma Representativa Estatal de personas con Discapacidad Física de Galicia – Predif Galicia.
Ademais, o día 26 de decembro haberá outra función de Eroski Paraíso incluída dentro da programación regular do Teatro Colón, para a que as entradas están xa esgotadas.
Este pase especial de Eroski Paraíso porá o broche final a un ano marcado para a compañía pola celebración do seu 30 aniversario e pola intensísima xira realizada con Eroski Paraíso, a última obra da compañía, que cumplirá a súa función número 100 en febreiro no Teatro Central de Sevilla. Un ano e nove meses despois da súa estrea, Eroski Paraíso está a ter unha acollida extraordinaria: 88 funcións feitas en 55 localidades de 10 comunidades, que reuniron a un total de 20.800 espectadores, e 18 funcións coas entradas esgotadas.
Eroski Paraiso é unha peza inzada de intimidades, baseada no traballo de actor. O espectáculo proponlle ao público asistir como observador á rodaxe dun filme documental, superpoñendo no escenario a mirada cinematográfica e a teatral, reutilizando a linguaxe do cinema e os recursos do documental creativo para facer unha obra especificamente teatral.
O proxecto xordeu dun proceso de investigación e documentación desenvolvido en Muros, explorando a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación dos afectos dentro da comunidade a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas Paraíso, que funcionou entre 1972 e 1990, e que posteriormente se converteu nun supermercado Eroski. Un feito que se repite en moitas outras vilas e cidades de Galicia.
O espectáculo está protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, acompañados en escena dunha actriz moi nova, Cristina Iglesias, que foi seleccionada para este espectáculo nun obradoiro de prácticas escénicas que Chévere realizou en decembro de 2015 dirixido a actores e actrices menores de 25 anos.
Eroski Paraíso
Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivera estado parado exactamente no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu redor. Unha maneira como calquera outra de retratar o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa lingua, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria.
A obra conta a historia de Eva Martínez e Antonio Formoso, que como tantas outras parellas coñecéronse no Paraíso. Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Logo emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles.
Vintecinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. Eroski Paraíso é o título que lle puxo á súa película. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.
Chévere
Chévere é unha compañía con 30 anos de traxectoria, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. No ano 2014, o traballo da compañía foi recoñecido co Premio Nacional de Teatro.
Dende a súa creación, a compañía actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Ao longo dos anos, conservou un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés) ao tempo que incorporaba a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas.
Chévere ten feito espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e ten traballado en espazos pouco convencionais. Sempre co humor como filosofía e o sorriso como expresión, as súas obras levan ao escenario os debates do presente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos recentes do seu traballo son obras como Testosterona (2009), a triloxía Citizen (2010-2011), Eurozone (2013), Ultranoite no País dos Ananos (2014) e As Fillas Bravas (2015).
O seu compromiso coa creación contemporánea e coa dinamización de contornas locais levou a compañía a crear a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en Santiago de Compostela, un espazo cultural independente no que Chévere asumiu a dirección artística dende 1992 a 2011 e que se converteu nun nodo especialmente activo da escena alternativa española.
Dende 2012, Chévere desenvolveu un proxecto de residencia teatral no Concello de Teo (A Coruña), un modelo experimental de relación público-privado que ten como obxectivos fixar o funcionamento dunha compañía de teatro a un espacio estable implicándose nunha contorna local para rendibilizar o uso dos espazos públicos, mellorar a estabilidade laboral dos profesionais do teatro e capitalizar o prestixio y el e o know how dunha compañía como Chévere en beneficio da comunidade que a acolle.
No 2015, a compañía púxo en marcha a Berberecheira, unha iniciativa de custodia do territorio teatral, un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva, un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e outros agentes sociais e culturais.