in

Optimismo Florence

optimismoanómico |

A beleza do ridículo

| Roi Vidal Ponte |

 

Vivimos tempos nos que a realidade está a lle gañar a batalla á ficción. Hai un refrán internacionalmente coñecido que se utilizou moito sobre todo a partir do 11-S do 2001 que se refire a esta guerra. O que na tele son realities na literatura pasou de ser non-ficción a ser autoficción. Ou sexa, unha ficción que xa non é tan ficticia nin o quere aparentar, mais que á vez xoga cos efectos literarios que provocan que vexamos a realidade como un relato creado para a ocasión.

O texto no que Julio Fer basea este espectáculo sublime e mínimo pertence a este xénero. O dos escritores que xuntan experiencia persoal con observación da realidade para se converteren en suxeitos-obxecto da súas creacións. Mais ollo, que explicado así pode remitirnos á soberbia dun Houellebecq ou ao exhibicionismo dunha autobiografía mediocre dun político mediocre e… nada máis lonxe da realidade. Ou da ficción.

En mans de Julio Fer, a materia que conforma este fermoso posdrama preséntase cunha honestidade brutal e unha humildade exemplares, que son as que lle fan actuar el mesmo sobre o escenario (na liña da Vallés ou da última Lina Pérez), escoller a súa lingua materna (o castelán) no canto do galego, e non ter medo nin vergonza en apostar por confesión íntimas, políticas, artísticas ou familiares.

Todo desde un punto de vista no que a sátira social da mercadotecnia se alía coa retranca posmoderna e que provoca unha mirada á vez incómoda e cómplice nun público ao que lle custa non estar a favor. Sobre todo porque a translación escénica do texto (seguramente escrito a pé de escenario) achega, ademais da presenza potente e xoguetona de Eva Alfonso, unha serie de brincadeiras metateatrais que ironizan sobre o lugar da mirada e as posibilidades de poñer dous corpos nun espazo baleiro, ao mesmo tempo que dialogan de xeito lúdico coas imaxes (líricas, superrealistas) en movemento proxectadas no ecrán do fondo.

Ao final parece que se trata dun canto, case un himno pola beleza dalgunha imaxes poéticas (como a cadeira destrozada convertida en barco ou os mistos con poemas de Julio Fer), a esa reivindicación que na madurez nos di que non temos que ter vergonza a expresar o que pensamos, o que sentimos e o que somos. Que non temos que ter medo a facer o ridículo, senón que a vida está para procurar en todo momento esa diversión, tan frívola que non deixa de lado as preocupación sociais.


Publicidade

Unha obra de aparencia pequena que esconde certa grandeza agochada no que fai e en como o di. Un texto (irregular, aberto, libre, fragmentario, claro, fermoso, líquido, contundente e sobre todo persoal) que celebraríamos con foguetes se fose dun autor de aquí, ou polo menos se estivese escrito na lingua propia de aquí. Optimismo Here.

 

Optimismo Florence, de Anómico Teatro

Creación e interpretación: Eva Alfonso e Julio Fernández.
Dirección, textos e vídeo: Julio Fernández.
Movemento: Eva Alfonso.
Iluminación: Raquel Hernández e Pedro Fresneda.
Espazo escénico: Anómico Teatro

Sala Ingrávida, Porriño. 16 de decembro de 2017.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

emoticores5 |

A Red de Teatros Alternativos abre a convocatoria do circuíto 2018

Camiñosbutacazero49 |

Seis estreas para o inicio do 2018