Imaxe de Miramemira

PUBLICIDADE

Comeza o ano e comezan as estreas. Aquí tendes seis que se anuncian dende xa para o primeiro trimestre do ano e ás que debedes prestar atención. 

 

Camiños de Esther Carrodeguas, unha produción de ButacaZero e o CDG

Como ve a xeración dos millennials as súas raíces? Partindo da idea desas aldeas que se baleiran cada día, ButacaZero quere reflexionar sobre o que se perde e o que se mantén deste noso pasado na nosa vida diaria. Os tópicos galegos represéntannos ou non? Queremos fuxir deles ou en realidade nos aferramos? Cal é a nosa vida e que ten que ver coa imaxe estereotipada que de nós poden ter os de fóra?

Sobre todo isto reflexiona #camiños, unha peza de teatro moi físico na que a música folk convive coa electrónica, as bicicletas de spinning coas letras de Castelao, Rosalía ou Manuel María, e onde a rapsodia e as coreografías nos levan da comedia á traxedia pasando pola ironía. Un aluvión escénico que fará que os espectadores non poidan ficar indiferentes.

Estrea o 24 de xaneiro no Salón Teatro de Compostela

 

Masa Madre & Sal marina de Funboa Escénica e Proxecto Pank

Masa Madre & Sal marina é o título dunha canción que xurdiu do encontro de Manuel Parra García e Cristina Balboa en Madrid. Logo viu o desexo de colaborar nun proxecto escénico onde os dous analizaban a súa carreira sobre as táboas e a súa confrontación cas cousas que xa non lles gustan do sistema produtivo teatral contemporáneo. Neste proceso deciden esquecer o teatro e dedicarse á música, compensar a súa falta de talento musical co entusiasmo que lles produce escoitar un temazo e mesmo formar parte del. Falan do abandono do sufrimento para abrazar o pracer de estar aí, e realizar dalgunfa forma os seus soños, porque en realidade o que sempre quixeron era ser estrelas do pank.

Estrea o 26 de xaneiro no Teatro Ensalle de Vigo

 

O servidor de dous amos de Talía Teatro

Talía teatro presenta unha revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro. Convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte, atoparedes aquí unha reinvención da obra de Goldoni que respecta o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, pero que busca tamén incorporar novas formas de teatralidade.

Estrea o 14 de febreiro no Teatro Principal de Compostela

 

Casa O’Rei de Ibuprofeno Teatro

Con Casa O’Rei, Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica, xunto con O furancho e Raclette. Este texto de Santiago Cortegoso propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do “Rei Lear” de W. Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega.

Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.

Estrea o 2 de marzo no Auditorio Municipal de Vigo

 

Sénior, unha produción de Culturactiva dirixida por Avelino González 

Culturactiva SCG presenta Sénior, un espectáculo cómico sobre a crise dos 50, cos coñecidos e populares actores Luís Iglesia e Marcos Orsi como protagonistas, e dirixida por Avelino González, unha reflexión en clave de humor sobre a chegada ás portas da terceira idade. Cando se abandona a madurez e se comeza a ser “sénior”? Iglesia e Orsi rin de si mesmos ante nós, cun texto enxeñoso de creación propia.

Grandes dilemas do sénior:
…visto como meu fillo ou como meu pai?…
…Haberá cadeiras nese concerto?…
…Como estarei mañá se tomo un segundo gin-tonic?…

Ducias de preguntas que este espectáculo non resolverá, pero que son a escusa perfecta para pasar un momento entretido en compaña de Luís Iglesia e Marcos Orsi.

Estrea o 3 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense

 

Somos criminais, con Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco

Temos unha cultura criminal propia? Delinquimos como galegos? Para responder a estas preguntas, Carlos Blanco e Touriñán analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego. A conclusión é clara: Somos Criminais.

Estrea o 30 de marzo no Auditorio Municipal da Illa de Arousa

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos