O venres 12 ás 20:30 horas a compañía galego-xaponesa de nova creación Kokoharuka estreará o seu primeiro espectáculo, Este é de Aire o Outro de Auga no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña.
Kokoharuka, é unha expresión que significa: “Neste lugar, e nun lugar moi afastado” e que se refire, ao espírito co que nace este proxecto, e coa intención de desenvolver a compañía no país de orixe dunha das súas compoñentes e en Galicia. Kokoharuka, é unha compañía de teatro-danza que segue correntes contemporáneas. Foi fundada en xaneiro do 2017 e actualmente, está inmersa no proceso de creación deste seu primeiro espectáculo.
O espectáculo versa sobre como o crecente mundo virtual afecta á nosa liberdade, á nosa privacidade e ás nosas relacións, transformando a nosa identidade. O espazo virtual, inorgánico, ao que se denomina “de aire” vaise apoderando do noso mundo, orgánico, real, ao que se lle chama “de auga”. Exponse isto a través de pequenas historias cotiás, que suceden a ambos lados deste mundo real e virtual que nos arrodea. Plasmadas en textos para ser lidos, en imaxes, en retratos da realidade, en universos sonoros e visuais, en escenas físicas e en pequenas historias, estas reflexións narradas en off pola voz dunha máquina, reflicten a realidade na que vivimos.
No espectáculo que se estrea este venres interveñen Masako Hattori (performer, vídeo creación e dirección), David Loira (coreógrafo, bailarín e creación), OctavioMas (escenografía, iluminación e texto), Adolfo García (creación sonora), Manuel García Martinez (asesor de dramaturxia) e Ruben G. Pedrero (producción).
GIPHY App Key not set. Please check settings