in

Meg Stuart e Marlene Monteiro Freitas premiadas na Bienal de Venecia

Jaguar |

A Bienal de Venecia concedeu o León de Ouro a toda unha carreira á bailarina e coreógrafa estadounidense Meg Stuart e o León de Prata á bailarina e coreógrafa caboverdiana Marlene Monteiro Freitas. Os recoñecementos ás dúas artistas foron recomendados pola directora da Casa de Danza, Marie Chouinard e foron aprobados polo Consello de Administración da Bienal de Venecia presidido por Paolo Baratta.

Meg Stuart (New Orleans, USA, 1965)

Recoñecida polos seus importantes, mordaces e incisivos proxectos de improvisación, que implican a múltiples artistas, Meg Stuart –que procede de Nova Orleans pero que viviu durante máis de vinte anos en Europa, onde fundou a súa compañía, Damaged Goods– é a autora de solos, coreografías a gran escala e instalacións site-specific en galerías e exposicións como a Documenta X de Kassel.

Meg Stuart foi elixida por “desenvolver unha nova linguaxe e un novo método para cada creación, colaborando con artistas que traballan en diferentes disciplinas e movéndose entre danza e teatro. A través da improvisación (un aspecto fundamental da súa práctica), Stuart explorou estados físicos e emocionais e a memoria deles. Buscando novos contextos e novos territorios para explorar, o seu traballo redefiniuse continuamente”.

Estudou danza na Universidade de Nova York e na Movement Research, onde puido explorar diversas técnicas e participar activamente na escena neoiorquina. No Festival Klapstuck de Lovaina, en 1991, presentou a súa primeira obra de longa duración, Disfigure Study. O seu seguinte traballo, No Longer Readymade (1993), lanzou a súa carreira artística en Europa.

Para desenvolver os seus propios proxectos artísticos, fundou en 1994 a súa propia compañía en Bruxelas, Damaged Goods, coa que creou máis de 30 producións que abarcan desde solos como XXX for Arlene and Colleagues (1995), Soft Wear (2000), Hunter (2014) ata coreografías a gran escala, como Visitors Only (2003), Built to Last (2012) e UNTIL OUR HEARTS STOP (2015). Ao mesmo tempo colabora con artistas que traballan en diversas disciplinas como os artistas visuais Gary Hill, Jompet Kuswidananto e Ann Hamilton, os compositores Hanh Rowe e Brendan Dougherty, os escenógrafos Anna Viebrock, Barbara Ehnes e Jozef Wouters e os directores Christoph Marthaler e Frank Castorf.

En 2008 gañou o premio Bessie (Nova York) polo conxunto do seu traballo e o Premio da Cultura Flamenca (na categoría de Artes Escénicas); en 2012 recibiu o Konrad-Wolf-Preis pola Akademie der Künste en Berlín. Foi elixida Coreógrafa do Ano 2014 pola revista Tanz. Ese mesmo ano, gañou o Gran Premio de Danza en Montreal.

Marlene Monteiro Freitas (Cabo Verde, 1979)


Publicidade

Considerada un dos mellores talentos da súa xeración, Marlene Monteiro Freitas foi a sorpresa das últimas tempadas coa súa presenza electrizante e co poder dionisíaco das súas producións. Interesada en “metamorfose e deformación” –posibles ecos do Entroido do seu Cabo Verde nativo– “os híbridos de Freitas difuminan musical e alegremente as fronteiras do esteticamente correcto. Traballando sobre as emocións máis que sobre o sentido, a coreografía ábrese á imaxinación e o eu á súa multiplicidade salvaxe”, segundo as palabras do xurado.

Estudou baile en P.A.R.T.S. en Bruxelas e, en Lisboa, na Escola Superior de Dança e na Fundação Calouste Gulbenkian. No seu país natal, Cabo Verde, foi cofundadora do grupo de baile Compass e colaborou co músico Vasco Martins.

Traballou con Emmanuelle Huynh, Loïc Touzé, Tânia Carvalho, Boris Charmatz, entre outros. As súas creacións inclúen: Bacchae – Prelude to a Purge (2017), Jaguar (2015) con Andreas Merk (espectáculo que puido verse en Compostela, no Festival Escenas do Cambio), Of Ivory and Flesh – As estatuas tamén sofren (2014), Paradise – colección privada (2012-13), (M) imosa en colaboración con Trajal Harrell, François Chaignaud e Cecilia Bengolea (2011), Guintche (2010), A Seriedade do Animal (2009-10), Uns e Outros (2008), A Improbabilidade da Certeza (2006), Larvar (2006), Primeira Impressão (2005). O denominador común destes traballos é a apertura, a impureza e a intensidade.

A Sociedade Portuguesa de Autores (SPA) outorgou a Jaguar o premio á mellor coreografía en 2017 e Marlene foi premiada ese ano polo goberno de Cabo Verde polo seus logros culturais.

É cofundadora de P.OR.K, a súa estrutura de produción en Lisboa.

 

Foto: Jaguar de Marlene Monteiro Freitas | Uupi Tirronen / Zodiak

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ateneo |

Cara a un diágnostico das Artes Escénicas en Vigo

valentino rufini 1 |

Presentada a programación semestral da Rede Galega de Salas