in

A AAAG apoia a folga do 8-M

Folga feminista |

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), como asociación sindical que aglutina a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección escénica, apoia a folga do 8-M, chama as súas asociadas a secundar a convocatoria e a asistir as diferentes mobilizacións que se desenvolverán ao longo do día en todo o país. A AAAG únese así a unha reivindicación ampla e colectiva para esixir plena igualdade de dereitos e condicións de vida, unha sociedade libre de opresión, de inxustiza e de violencias machistas, un ámbito laboral sen brecha salarial nin explotación, un mundo de coidados compartidos, de oportunidades igualitarias.

A AAAG asume como propia esta reivindicación conxunta que interpela ao completo da nosa sociedade, mais tamén lembra as particularidades dun sector, o noso, cuxas cifras da desigualdade coñecemos por diferentes estudos presentados nos últimos meses. É o caso do eido audiovisual, analizado por un minucioso informe publicado por AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión) que revela, máis alá da brecha laboral, non só a menor presenza de mulleres nas producións en termos de cantidade, senón na relevancia dos papeis a representar nas obras, cunha menor incidencia nas tramas por parte das personaxes femininas e nun número menor de personaxes protagonistas. Un desequilibrio que vai en aumento de xeito exponencial a medida que avanzamos nos rangos de idade. En resumidas contas, na ficción estatal somos menos, máis novas e menos importantes. Por suposto, como isto implica, cobramos menos.

Así, o reclamo da AAAG pasa tamén por esixir unha presenza digna de personaxes femininas representativas da realidade social na nosa ficción. Non é só un dereito fundamental das traballadoras, senón tamén unha obriga: A de ofrecerlle á sociedade roles femininos libres de estereotipos, espellos nos que mirarse que contribúan a reducir a existencia de arquetipos sexistas, no canto de multiplicalos.


Publicidade

Por estes motivos, tanto colectivos como particulares do noso sector, a AAAG chama as súas asociadas a secundar á folga laboral, deixando en liberdade de elección a posibilidade de cada unha a sumarse á folga en calquera das súas modalidades, dende o seguimento de 24 horas até a adhesión aos paros convocados de dúas horas por quenda.

A AAAG convida, ademais, a todas as asociadas e a todos os asociados a participar nas mobilizacións que están convocadas no noso país, que se poden consultar na relación de convocatorias publicada en www.folgafeminista.org. Asimesmo, realiza un chamamento aos compañeiros da Asociación a asumir unha vez máis todas estas reivindicacións e que se impliquen por elas na xornada do 8-M, seguindo liñas de actuación que faciliten a participación das compañeiras na folga. Acompañando, sen protagonismos, as accións que se desenvolvan nese día ou á cola das manifestacións. E lembra que a folga inclúe diversas vertentes, non só a laboral. No 8-M, tamén se convoca folga de consumo e de coidados.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PlanB |

Nova edición do Circus Arts Weekend en Guimarães

academia1 |

A Academia Galega de Teatro preséntase ao público o 27 de marzo