Hoxe comeza o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O tema da edición de 2018 é MULLERES DE CONTO e con ela preténdese render merecida homenaxe ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil, desde os personaxes dos contos ata as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias… e, ao tempo, promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da LIX.
Dentro do programa relacionado coas artes escénicas destacan dúas estreas:
- Hoxe mesmo, ás 18:00, estréase Catrina e Dona Francisca, un espectáculo de música e contos que xira arredor das catrinas, iconas da cultura do noso país convidado, con máis de 100 anos de historia no folclore mexicano. Ademais da orquestra, o concerto contará coa presenza da escritora e narradora Paula Carballeira que acompañará a música orquestral composta polo compositor galego, Mario Diz e o director convidado Juan Miguel Romero Llopis.
- O sábado 7, ás 19:00, Odaiko e Fantoches Baj estrean Mar adiante, baseado na obra homónima de María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas. Un espectáculo que mestura cantigas e música, danza e marionetas nunha singular travesía na que navegaremos rumbo á Illa dos paxaros. Os arroaces, o vento do norte, as mareas e as estrelas son protagonistas nesta historia que recrea o conto de Crarisca e Luceiro.
Ademais, poderá asistirse a outras obras como Bathtime, da compañía Katarsis, unha interpretación chaplinesca cun toque dos anos 20, na que dous amigos, unha chea de chocolate, unha bañeira e musica orixinal son os ingredientes desta orixinal posta en escena para o público miúdo; Puño puñete, de Baobab Teatro,un espectáculo de música en directo, cantigas, contos e tradición oral co que se convida xs cativxs cos seus papás e mamás a descubrir un mundo de sensacións e emocións; O secuestro da Bibliotecaria, de Sarabela Teatro; Rosa Caramelo de Talía…
Por outra banda, e como todos os anos, o Salón inclúe numerosas actuacións de contacontos, entre outrxs, Pavís Pavós, Raquel Queizás, Bea Campos, Anxo Moure ou as contadoras mexicanas convidadas Rocio Kuri, María Guiexhooba e Alondra Angélica Ramírez.
O programa completo pode consultarse aquí ⇒