Hoxe comeza o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O tema da edición de 2018 é MULLERES DE CONTO e con ela preténdese render merecida homenaxe ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil, desde os personaxes dos contos ata as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias… e, ao tempo, promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da LIX.

Dentro do programa relacionado coas artes escénicas destacan dúas estreas:

  • Hoxe mesmo, ás 18:00, estréase Catrina e Dona Francisca, un espectáculo de música e contos que xira arredor das catrinas, iconas da cultura do noso país convidado, con máis de 100 anos de historia no folclore mexicano. Ademais da orquestra, o concerto contará coa presenza da escritora e narradora Paula Carballeira que acompañará a música orquestral composta polo compositor galego, Mario Diz e o director convidado Juan Miguel Romero Llopis.
  • O sábado 7, ás 19:00, Odaiko e Fantoches Baj estrean Mar adiante, baseado na obra homónima de María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas. Un espectáculo que mestura cantigas e música, danza e marionetas nunha singular travesía na que navegaremos rumbo á Illa dos paxaros. Os arroaces, o vento do norte, as mareas e as estrelas son protagonistas nesta historia que recrea o conto de Crarisca e Luceiro.

Ademais, poderá asistirse a outras obras como Bathtime, da compañía Katarsis, unha interpretación chaplinesca cun toque dos anos 20, na que dous amigos, unha chea de chocolate, unha bañeira e musica orixinal son os ingredientes desta orixinal posta en escena para o público miúdo; Puño puñete, de Baobab Teatro,un espectáculo de música en directo, cantigas, contos e tradición oral co que se convida xs cativxs cos seus papás e mamás a descubrir un mundo de sensacións e emocións;  O secuestro da Bibliotecaria, de Sarabela Teatro; Rosa Caramelo de Talía…

Por outra banda, e como todos os anos, o Salón inclúe numerosas actuacións de contacontos, entre outrxs, Pavís Pavós, Raquel Queizás, Bea Campos, Anxo Moure ou as contadoras mexicanas convidadas Rocio Kuri, María Guiexhooba e Alondra Angélica Ramírez.

O programa completo pode consultarse aquí 

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos