Os espectadores que acudan ás funcións dos xoves no Salón Teatro terán a oportunidade de compartir impresións co elenco da nova montaxe da compañía pública, que se pode ver en Santiago ata o 29 de abril.
O Centro Dramático Galego (CDG) retoma mañá as funcións para público xeral de Divinas Palabras Revolution, que pode verse de xoves a domingo, ata o 29 de abril, na sede da compañía pública no Salón Teatro de Santiago.
Mañá terá lugar, así mesmo, o primeiro dos dous Encontros co Público desta produción, durante os que os espectadores que asistan aos pases dos xoves terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico do espectáculo ao remate da súa representación.
Ademais desta iniciativa, con motivo da estadía de Divinas Palabras Revolution en Santiago o CDG puxo en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta oferta –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro.
Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico a [email protected] ou chamar ao teléfono 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.