A Fundación SGAE, a través do Consello Territorial de Galicia, pon en marcha unha nova edición do ciclo de lecturas dramatizadas TEXTOS TEATRAIS EN GALEGO ao longo da Comunidade galega, que ten como obxectivo impulsar e apoiar a creación de novos textos dramáticos de autores socios da SGAE.
Por este motivo, a Fundación SGAE abre unha convocatoria pública dirixida a todos os autores dramáticos socios da Sociedade Xeral de Autores e Editores que teñan o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia.
Entre outros obxectivos, este programa quere promocionar aos autores dramáticos para a difusión das súas obras contribuíndo a posibles producións escénicas.
Unha vez se realice o protocolo de selección, elixiranse textos dramáticos para levar a cabo a súa representación no ciclo de lecturas dramatizadas TEXTOS TEATRAIS EN GALEGO impulsado pola Fundación SGAE, ao longo do ano 2018 e nas datas que a Fundación SGAE determine.
O número de textos seleccionados virá determinado polo orzamento máximo asignado polo Consello Territorial de SGAE de Galicia.
BASES
1. Solicitantes e requisitos
A Fundación SGAE convoca a todos aqueles interesados que se correspondan cos indicados no segundo parágrafo do presente documento.
A presentación deberá realizala directamente cada autor dramático socio da SGAE que teña o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, con tantos textos teatrais orixinais como considere, a condición de que estean escritos en lingua galega. Devanditos textos teatrais recollerán como máximo oito personaxes a interpretar.
2. Solicitude e documentación
Os textos teatrais orixinais en lingua galega serán enviados ao buzón electrónico [email protected] poñendo no asunto “Lecturas Dramatizadas TEXTOS TEATRAIS EN GALEGO Fundación SGAE Galicia” e a continuación o título do texto. O correo electrónico deberá incluír dous arquivos anexos:
A) Texto da obra.
B) PDF cos datos persoais e de contacto, tales como nome, apelidos, enderezo actual (residencia habitual e residencia fiscal), correo electrónico, número de teléfono, ademais dun breve curriculum, incluíndo lugar e data de nacemento e número de socio SGAE.
O prazo de presentación iniciarase o 31 de maio de 2018 e manterase aberto ata o día 31 de xullo de 2018 ás 14:00.
3. Procedemento de selección
A selección dos textos teatrais a representar realizaraa o Consello Territorial da SGAE en Galicia.
A decisión do Consello Territorial da SGAE de Galicia será inapelable. O nome dos autores dos textos seleccionados farase público antes do 15 de setembro de 2018.
O Consello Territorial da SGAE en Galicia poderá declarar deserta a convocatoria para o ciclo de Lecturas Dramatizadas no caso de que ningún dos textos presentados cumpra cos requisitos esixidos no punto 4 que a continuación se detallan.
4. Criterios de avaliación
O Consello Territorial da SGAE de Galicia establece os seguintes criterios para valorar e seleccionar os textos presentados:
- Ser socio/a de SGAE.
- Ter a duración axeitada para unha representación teatral.
- Estar escrito en lingua galega.
- Non ter sido representado anteriormente.
- A orixinalidade do texto dramático que se achega.
- A creatividade do texto dramático que se achega.
5. Normas xerais
- Os participantes eximen á Fundación SGAE de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera outra transgresión da lexislación vixente en materia de propiedade intelectual en España na que puidesen incorrer coas obras presentadas.
- Polo feito de concorrer a esta convocatoria, os autores participantes aceptan integramente estas Bases, así como as decisións do Consello Territorial de Galicia, e autorizan á Fundación SGAE a difundir información sobre a convocatoria que inclúa datos profesionais e/ou imaxes fotográficas dos autores dos textos seleccionados.
- A Fundación SGAE non adquire, en virtude desta convocatoria, ningunha responsabilidade directa nin subsidiaria, en relación coa realización e desenvolvemento deste proxecto, distinta da detallada neste documento.
- Para levar a cabo a representación dos textos teatrais seleccionados nas diferentes Lecturas Dramatizadas, o Consello Territorial de Galicia será quen elixa os directores participantes e cada un destes, á súa vez, será quen elixa os actores participantes na representación das mesmas.
- En caso de reclamación ou conflito, tanto os participantes coma os organizadores do proxecto deberán someterse á xurisdicción dos Tribunais de Madrid capital, España, e considerarase como oficial o texto en castelán.
6. Deber de confidencialidade e protección de datos persoais
Todos os datos persoais que as partes fornezan na xestión do proxecto teñen carácter confidencial e non poderán ser revelados a terceiros nin utilizados para fins distintos aos establecidos, agás as excepcións establecidas pola lexislación vigente. Os datos que voluntariamente faciliten incorporaranse nun ficheiro cuxo responsable é Fundación SGAE, que será notificado ao Rexistro Xeral de Protección de Datos da AEPD. O titular do Dereito Fundamental á Protección de Datos Persoais conta cos dereitos de Acceso, Rectificación, Cancelación e Oposición. Para exercelos pode dirixirse por escrito a: Fundación SGAE, rúa Bárbara de Braganza, 7, 28004 Madrid. Fundación SGAE presume que os datos facilitados polo afectado son veraces e responden á súa situación actual. O afectado obrígase a comunicar a súa modificación desde o intre en que se produza.