O vindeiro venres 29 de xuño, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, Producións Teatrais Excéntricas presentará a súa versión da obra de Valle Inclán A Cabeza do Dragón, acompañada pola música en directo interpretada polo T.A.C. (Taller Atlántico Contemporáneo). A función enmárcase dentro das actividades das Xornadas de Música Contemporánea que comezan hoxe en Compostela.
A música do espectáculo dirixido por Quico Cadaval é unha partitura orixinal composta ex-profeso para este espectáculo por Javier María López que, nesta ocasión, dirixirá o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) formado por prestixiososo músicos, moitos deles profesores da Real Filharmonía de Galicia.
A cabeza do dragón leva xa máis de 40 funcións realizadas. A obra gañou 4 premios María Casares: Iván Marcos (Mellor Actor Protagonista), Víctor Mosqueira (Mellor Actor Secundario), Quico Cadaval (Mellor Adaptación/Tradución) e Suso Montero (Mellor Vestiario).
A música en directo do TAC converte a función do 29 de xuño nun acontecemento singular que incrementa o valor desta montaxe, primeira versión en galego do autor despois de que entrase no dominio público a obra de Valle, cuxos herdeiros se negaban a que fose traducida.
As entradas teñen un prezo de 12 euros, con descontos do 50% para persoas desempregadas, maiores de 65 anos, xubiladas, menores de 25 anos, estudantes, perceptoras de rendas sociais, familias monoparentais e familias numerosas e poderán ser adquiridas no Teatro Principal, de martes a sábado de 18. 00 a 20:30 h e no Auditorio de Galicia, o propio día da función a partir das 18:00 h.