Un fondo sen pozo
| Manuel Xestoso |
| Foto: ProLight Foto Estudio |
Non engadir trauma ao trauma: esta é a dimensión do monólogo escollida para representar unha enfermidade que segue sendo un enigma. E non se trata tanto de revelar ese enigma como de internarse no que podería ser habitar o esquecemento, dotar dunha voz a quen non lembra a linguaxe. Na butaca é un espléndido exercicio de introspección que dota de dignidade e verosimilitude o mal do Alzheimer, unha reinvención da traxedia que pretende crear empatía alí onde todas as pontes crebaron.
Reducilo todo á esencia máis espida é transitar polo bordo dun abismo perigoso, enfrontar cuestións que só se poden responder dende os rexistros do poeta ou do suicida. Na butaca escolle a voz poética para probar, precisamente, como sería “esquecerse ata de morrer”, como transformar un fondo sen pozo nun fondo sen pozo.
A memoria constitúenos, pero existe algo máis alá dela que é o que a obra de Carrodeguas pretende explorar: un pensamento sen suxeito, nas marxes do mundo, sen intención nin posibilidade de adaptación á realidade. Unha orde na que nin a linguaxe nin a lóxica son quen de prescribir o comportamento e que, xa que logo, se transforma en natureza pura, en pulsión absoluta.
As categorías de tráxico e cómico perden daquela todo sentido para depender exclusivamente da mirada externa. E a mirada externa do público persegue atenta as reviravoltas dese “fluxo de inconsciencia” para rir e para conmoverse cun discurso que, no fondo, recoñece como propio. Un discurso que apela ao máis primitivo –a necesidade de recibir un bico ou de soltar un peido no medio do salón– e, polo tanto, o máis difícil de extirpar da nosa natureza. Por moito que tratemos de poñer distancia entre a nosa identidade civilizada e ese eu ancestral, a protagonista de Na butaca está para nos lembrar que segue aí, asexando e observando os nosos imperfectos esforzos por afastarnos do medo que nos inspira.
Pepa Barreiro atopa a mirada perfecta para escrutar todos os accidentes topográficos dese mapa do descoñecido: a alegría de vivir exclusivamente para o presente, o medo ao cotián, a picardía que vagamente se intúe como rebelde. Aprópiase dun texto tan suxestivo como complicado de interpretar e bótao a voar coa lixeireza propia dunha personaxe cuxa identidade permanece en constante movemento.
A versión que se puido ver na Mostra de Cangas, con piano en directo de Velpister Peter Jensen, reduce aínda máis os referentes externos que aparecen na versión habitual, con insertos de vídeo que operan como metáfora da soidade política ante a pantalla da televisión. A obra gaña sen esa muleta audiovisual e demostra que abonda con mostrar o esquecemento como terreo ambiguo: unha ameaza e, ao tempo, unha esixencia para continuar vivindo. A cuestión á que apunta Na butaca é a que procede: onde colocar os límites.
Na butaca (fantasía nº 3 en Dor Maior), de Esther F. Carrodeguas.
Dirección: Esther F. Carrodeguas.
Elenco: Pepa Barreiro.
Piano en directo: Velpister Peter Jensen
Iluminación e audiovisuais: Laura Iturralde
Espazo escénico, vestiario, deseño gráfico e produción: Esther F. Carrodeguas
Asesoramento vocal: Cristina Dominguez
Asesoramento corporal: Olga Cameselle
Unha produción de ButacaZero
Mostra Internacional de Teatro de Cangas. Auditorio do Concello. 1 de xullo de 2018.
Este artigo foi previamente publicado no Faro de Vigo de 4-07-2018.