A programación das festas de María Pita 2018, que levan por lema A cidade soñada e que se celebrarán entre o 1 e o 26 de agosto, inclúe unha boa dose de artes escénicas, especialmente para os máis cativos.
Durante a Feira do Libro, haberá intervencións escénicas no Xardín dos Libros, na zona Atalaia dos Xardíns de Méndez Núñez: narración oral a cargo de Soledad Felloza (días 1 e 3), Caxoto (días 2 e 10), Charo Pita (días 4 e 6), Raquel Queizás (día 5), Ramiro Neira (días 7 e 9) e Pérez & Fernández (día 8). Haberá tres pases cada día, ás 18:00, 19:00 e 19:30.
Aparte da narración oral, no Xardín dos libros presentaranse espectáculos de rúa durante todos os días da Feira do Libro. Pajarito representará a obra A vida tola o día 1; Pulpiño Viascón, Os instrumentos máxicos o día 2; Pistacatro levará O autoestopista intergaláctico o día 3; o día 4, Pakolas presentará As parábolas de Pakolas; o día 5 será a quenda de Pablo Trasno co seu Trasno; Silvia Penide e César de Centi estarán o día 6 con A viaxe da palabra; o Capitán Garfo e Cociñando música chegarán o día 7; o día 8, Dinamo Teatro representará O cataventos; o día 9 volve Pistacatro, esta vez con Jano sen medidas; finalmente o Mago Román internaranos nun Labirinto de ilusións o día 10. Todas as actuacións serán ás 20:00.
Tamén se consolida o ciclo itinerante Familirúa, que achegará actuacións a sete barrios diferentes da cidade. Dentro deste ciclo, o día 6, Brinca Vai presentará De aquí e de acolá na Praza do Campo da Leña. O día 8, haberá unha actuación de AsacoCirco na Praza de Vigo. O día 10, Romaría de Raquel Queizás estará na Praza da Tabacalera. O mércores 15, Marián Ledesma estará na rúa da Gaiteira coa súa Música de contos. O 17, será a quenda da Compañía Sue Moreno e o seu 4.0. O día 22, no Parque de Eirís, Pablo díaz presentará Tic, tac, toc. O ciclo rematará o día 25, no Parque do Novo Mesoiro, con Nono, de Pistacatro, e con Fanny Triana e Abraios de rúa no aparcadoiro da Fábrica de Armas en Pedralonga. Todas as funcións son ás 19:30.
Ademais, a compañía Teatro Noite Bohemia representará distintos espectáculos ao longo das festas no Castelo de San Antón e nos centros cívicos municipais. O día 6, presentará Yerma no adro da Colexiata, ás 22:00; o xoves 16, Bacantes, no Castelo de San Antón, ás 22:00; o venres 17, Miles Gloriosus no CCM Castrillón ás 20:30; e o venres 24, Miles Gloriosus no CCM Novo Mesoiro ás 18:00.
Finalmente, entre os días 15 e 19 de agosto celebrarase o XVIII Festival Manicómicos. Vol’e Temps, Vueltos de Rosca, Niño Costrini, Irene de Paz, Maite Guevara, Nezdames & Nessieurs, Immaginario Teatro, Jano, Okidok e Hiltoff e Pelito configuran un programa que se estenderá pola cidade. Como é habitual, esta cita celebrará unha gran gala final, que terá lugar no anfiteatro do parque de Santa Margarida o día 19, ás 19.00 horas.