A Deputación e o Concello de Lugo impulsan un campamento teatral urbano dirixido a 120 nenos de entre 7 e 14 anos que terá lugar no casco histórico da capital lucense.
Esta iniciativa busca fomentar entre os rapaces as artes escénicas e promover o centro da cidade lucense. Os participantes realizarán xogos e obradoiros diarios de teatro, caracterización de personaxes, improvisación, vestiario, danza, música e ritmo.
As actividades do campamento teatral infantil completaranse cunha masterclass da actriz viguesa Marta Rivera Larralde, que falará das súas experiencias no mundo da interpretación. Esta cita estará aberta ao público xeral.
O programa divídese en catro grupos en función das datas. O primeiro do 30 de xullo ao 14 de agosto na Praza da Soidade de 9:00 a 13:00 horas, o segundo grupo de 16:00 a 20:00 horas na Praza Maior. A terceira quenda será do 16 ao 31 de agosto na Soidade de 9:00 a 13:00 horas e o cuarto grupo de 16:00 a 20:00 horas na Praza Maior. Un dos obxectivos da iniciativa é axudar na conciliación laboral.
Os interesados en participar poden inscribirse no grupo en función da súa preferencia. É necesario cubrir a solicitude colgada na web www.deputacionlugo.org e presentala no rexistro da Deputación. A selección farase por orde de inscrición.