in

A Casa-Museo Manuel María convoca o I Certame de Proxectos Teatrais

manuel maria |

A Casa-Museo Manuel María en colaboración cunha serie de concellos cuxo número e identidade se farán públicos proximamente, convocan o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, que se rexerá polas seguintes bases:

 

1º.- Fundamentación

A Casa-Museo Manuel María ten como obxecto xeral a conservación e difusión da obrado escritor chairego, así como a promoción da cultura galega en xeral. A figura de Manuel María foi fundamental para a restauración da lingua e literatura galegas nos anos da posguerra, sendo o primeiro autor novo que publicou un libro en galego tras a guerra civil (Muiñeiro de brétemas, 1950). O seu corpus literario comprende máis de cen obras e constitúe un dos territorios creativos máis ricos da literatura galega. A dominancia do xénero poético nesta produción non debe ocultar o seu abondoso e acertado cultivo do teatro. O escritor chairego, consciente do valor didáctico deste xénero, deixounos escritas nada menos que 36 pezas dramáticas de temática moi variada e de moi distinto formato (farsas, autos, pezas infantís…) o que o converte nun dos dramaturgos galegos máis prolíficos. Por todo isto, a Casa-Museo Manuel María convoca o presente Certame segundo as seguintes bases.

 

2. Obxecto.

O Certame Manuel María de Proxectos Teatrais ten por obxecto premiar a mellor proposta cénica dunha obra de Manuel María que sexa presentada en tempo e forma segundo as presentes bases. A súa periodicidade será bienal.

 

3. Participantes

3.1. Poderán presentar os seus proxectos a este Certame as compañías ou produtoras de teatro legalmente constituidas que acrediten a súa residencia en Galiza así como empresarios/as ou artistas a título individual que conten ou vaian contar con cobertura de produción para desenvolver o proxecto.

3.2. Cada compañía ou artista poderá presentar o número de proxectos que considere oportuno. Pola súa parte, os/as artistas tamén poden formar parte de máis de un dos proxectos presentados.

 

4. Requisitos

Os proxectos presentados deben reunir os seguintes requisitos:

  • Referirse a un texto teatral -ou varios combinados- da autoría de Manuel María. Para estes efectos, a Casa-Museo porá a disposición das persoas interesadas o conxunto da obra de Manuel María en formato PDF.
  • Ser completamente orixinais.
  • Ter unha duración mínima prevista de 45 minutos.

 

5. Documentación a presentar

O proxecto deberá conter a seguinte documentación:

  • Formulario de inscrición incorporado como anexo 1, debidamente cumplimentado.
  • O proxecto completo e detallado do espectáculo, proposta escenográfica, tratamento dramatúrxico, relación e curriculum da/s persoa/s autor/as do proxecto, da dirección, da produción executiva, da escenografía, da iluminación e do elenco. No caso de producirse calquera adaptación do texto, deberase indicar detalladamente.
  • O orzamento detallado e indicación clara do caché da compañía para a contratación da representación da obra que nunca deberá sobrepasar a cantidade de 2.700 euros máis os impostos correspondentes.
  • Calquera outra documentación complementaria que inclúa outros aspectos que permitan a valoración do proxecto.

 

6. Envío da documentación

A documentación deberá remitirse por correo electrónico a:

[email protected]

Ademais, enviarase unha copia en papel por correo certificado ou por servizos de mensaxería ao seguinte enderezo:

Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
R/ Javier Fonte, 1, portal D, 1oA.
15.001 – A Coruña.

 


Publicidade

7.- Aspectos a valorar nos proxectos presentados

A Comisión de Selección tomará a súa resolución sobre os proxectos presentados tendo en conta os seguintes aspectos:

7. 1. A calidade, o interese e a novidade do proxecto presentado:

  • Interese para a difusión da obra de Manuel María, relevancia e singularidade do proxecto presentado.
  • Fórmulas de difusión que reforcen a repercusión pública do proxecto.
  • Adecuación do caché de representación á magnitude do proxecto.
  • No caso de ser unha obra idónea, atención á difusión do proxecto entre o público escolar con elaboración de material específico.
  • O equilíbrio de xénero na composición do equipo artístico e de produción En caso de o considerar pertinente a Comisión de Selección poderá solicitar ás persoas responsábeis do proxecto calquera tipo de aclaración oral ou escrita sobre o mesmo.

7. 2. Traxectoria da entidade ou persoa/s que presentan o proxecto. A estes efectos teranse en conta aspectos como a calidade e cantidade dos espectáculos producidos até a data, a difusión que tiveron cada un deles e os eventos nos que se programaron.

 

8.- Composición e cometido da Comisión de Selección

  • A Comisión estará composta por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito das artes escénicas, sendo presidida pola Presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos ou persoa en quen delegue. Actuará de secretario, sen voto, o secretario da Fundación ou persoa en quen delegue.
  • A Comisión premiará un único proxecto, podendo seleccionar outros con carácter de suplentes. O seu fallo será inapelábel.
  • O Certame poderá declararse deserto no caso de que a Comisión de Selección considere que ningún dos proxectos presentados reúne as debidas condicións.

 

9. Autorización de dereitos

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos autorizará en exclusiva ao autor/a do proxecto gañador, durante dous anos con posibilidade de prórroga, ao dereito de estrea e representación da obra que presentou a concurso, sen prexuizo dos dereitos de autor que de acordo coa lei vixente se poidan derivar das representacións.

 

10. Premios

Establécese un único premio que recibirá a cantidade de 2.000 euros. Ademais, o proxecto terá garantidas un número de representacións equivalente ao número de entidades colaboradoras. O caché establecido para esas representacións será, como máximo, o que se tiver indicado no momento de presentar o proxecto ao certame que, en ningún caso sobrepasará os 2.700 euros máis os impostos que correspondan.

Unha vez concedido o premio e transcorridos cinco días, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos concertará unha reunión co/a representante do proxecto gañador co fin de que asine a aceitación do premio e os compromisos que se derivan del. De non se presentar, outorgaráselle o premio ao seguinte proxecto clasificado. A aceptación do premio levará consigo a aceptación de realizar as representacións nos concellos indicados.

O desfrute desta axuda é compatíbel con calquera outra de carácter público ou privado, sempre que esa outra convocatoria non o impida.

 

11. Calendario

  • A data límite para a presentación dos proxectos ao Certame será o día 30 de setembro de 2018.
  • Durante o mes de outubro a Comisión de Selección analisará os proxectos presentados e atenderá as distintas exposicións de 15 minutos de quen o solicite.
  • Unha vez que a Comisión de Selección comunique o proxecto gañador, a compañía terá un máximo de 10 meses para producilo, estando en disposición de realizar a representación do mesmo unha vez transcorrido dito prazo.
  • A obra estará dispoñíbel para a súa representación, cando menos durante un ano a contar desde a súa estrea.

 

12. Obrigas dos/as seleccionados/as

A compañía ou persoa/as seleccionada/s quedarán sometidas ás seguintes obrigas:

  • Asinar no prazo de cinco días a contar desde a comunicación do premio, a aceitación deste e dos compromisos que del se derivan.
  • Executar integramente o proxecto nos términos presentados á convocatoria. Calquera cambio terá que ser comunicado aos convocantes deste Certame e contar coa súa aprobación.
  • Cumprir o convenio de actores e actrices de Galiza na produción e exhibición do espectáculo resultante do proxecto.
  • Solicitar a integración nos distintos circuitos teatrais públicos de Galiza que a normativa lles permita.
  • Incluír en toda a publicidade e soportes materiais ou dixitais de difusión o texto “Obra gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais” agregando ao seu carón o logo da Casa-Museo Manuel María. Farase referencia, ademais, á colaboración dos concellos colaboradores.

13. Aceitación das bases.

A participación neste concurso implica o coñecemento e a aceitación das presentes bases. A entidade convo- cante, de acordo coa Comisión de Selección, será a encargada de realizar a súa interpretación e de resolver calquera cuestión non prevista nelas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Kanbahiota LaCoquette |

Vilagarcía acolle unha nova edición do Festiclown do 9 ao 14 de agosto

carlosblanco |

Carlos Blanco recibe o Premio Rebulir na categoría de Artes Escénicas