A Xunta de Galicia adxudicou este ano 450.000 euros en subvencións para actividades de distribución nas industrias culturais, a través das que se apoia a presenza da cultura galega en diferentes localidades españolas e doutros 23 países.
As contías aprobadas destínanse a cofinanciar os gastos asumidos por empresas culturais galegas no desenvolvemento de 538 actuacións escénicas, concertos e accións de promoción. Do total do orzamento adxudicado, arredor de 320.000 euros invístense en espectáculos ofrecidos por compañías escénicas e de grupos de música galegos nas súas xiras estatais e internacionais.
No caso das artes escénicas atópanse as de danza Entremans en Canarias e Valencia; Javier Martín en Ecuador, Guatemala, México e Portugal; La Macana no País Vasco e Canarias; Las Tricotouses en Andalucía, Aragón, Madrid e País Vasco; Mikel Aristegui na Comunidade Valenciana; Nova Galega de Danza en Italia, Israel e Cataluña; Paula Quintas en Cataluña; e Pisando Ovos en Portugal.
En teatro, apóianse as representacións de Cinema Sticado en Suíza; El Retrete de Dorian Grey en Alemaña, Dinamarca, Grecia, Andalucía e País Vasco; Elefante Elegante en Portugal; Gustavo del Río en Perú; Producións Teatráis Excéntricas en Portugal; Teatro Ensalle en México, Estremadura, Madrid, País Vasco e Valencia, así como as xiras estatais de Caramuxo Teatro, Baobab Teatro, Galitoon, Ibuprofeno Teatro, Matarile Teatro, Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos Teatro, Títeres Alacrán, Títeres Cachirulo e Voadora. Ademais, tamén recibiu subvención a compañía de circo asSircópatas para actuar en Italia.
Estas axudas inclúen, así mesmo, outra categoría para actuacións escénicas dentro de Galicia, mediante a que se subvencionan 81 funcións en 40 localidades das compañías Contraproducións, Malasombra Producións, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum Teatro, Somos Criminais, Teatro do Noroeste e Sarabela Teatro.
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación completou a concesión destas axudas coa publicación da segunda e última quenda de adxudicacións no web www.agadic.gal/axudas.