O sábado 22 ás 21h, o Auditorio Municipal de Cangas acollerá unha función teatral ben especial de Na butaca [fantasía nº3 en dor Maior], de Esther F. Carrodeguas, pois por unha banda, coa peza Concello de Cangas quere conmemorar o Día mundial do Alzheimer e por outra, trátase dunha función especial, xa que se realizará con piano en directo, semellante á que a se que levou a cabo, tamén en Cangas, durante a última edición da Mostra de Teatro Cómico e Festivo.
Pepa Barreiro, que xoga na casa pois fai moitos anos que reside en Cangas do Morrazo -onde desenvolveu a maioría da súa traxectoria teatral da man de Teatro de Ningures- compartirá escena esta vez con Peter Jensen Velpister, un verdadeiro virtuoso que acompañará o monólogo teatral, ofrecendo ao espectador así un espectáculo que por unha banda é teatro e, pola outra, concerto.
Na butaca [Fantasía nº3 en Dor Maior] é unha peza poética que, dende un punto de vista optimista, aborda unha temática que por desgraza a moitos nos toca de cerca: a das persoas que sufren demencia senil ou alzheimer. A obra, partindo da idea do vivir no presente dunha personaxe sentada na butaca e esquecida –perdida do seu pasado e do seu futuro, tamén–, achéganos a unha realidade que por veces nos amosa paz e outras anguria; felicidade ou rabia. E xunto a ela imos do cómico ao escatolóxico pasando polo transcendente. Na butaca remata por ser un alegato –poético- a favor da vida vivida no presente. Ao fin e ao cabo, quen non pensou algunha vez que o esquecemento nos faría máis felices?
Á entrada e á saída da representación, os espectadores e espectadoras poderán tamén mercar o libro co texto da obra de Carrodeguas, editado por Galaxia.