| Texto: Paula Carballeira|
| Foto: Juan David Duque |
Ás veces esquécenos a necesidade da alegría, como nos esquece a necesidade do teatro. Supoño que pretendemos procurar esa seriedade mal interpretada da madurez, do mesmo xeito que cando medramos exiliamos o xogo das nosas responsabilidades. Pero na escena, o xogo é unha linguaxe universal. En Medellín, a Asociación de Salas de Artes Escénicas “Medellín en Escena” levan catorce anos organizando a “Fiesta de las Artes Escénicas”, todo un exemplo de vitalidade. Unha celebración. Unha verdadeira festa. Un traballo ben feito. Sempre é así cando se pon o corazón na loita diaria polo que se considera necesario. E a alegría é necesaria. Detrás da alegría latexa o pulo de querer cambiar o mundo.
Nesta aposta por encher os teatros durante unha semana con programación non só local ou nacional, tamén de Venezuela, México, Arxentina ou República Dominicana, Berrobambán foi unha das compañías seleccionadas, para representar A carreta pantasma. O espectáculo fala de memoria, de morte, de tradición e de achegamento entre culturas. A través da experiencia compartida de reconstruír unha película sueca do ano 1921, esvaecemos a cuarta parede e conseguimos que Galiza e Antioquia, con Suecia ao fondo, dialogasen sobre as verdades que agochan as ficcións, sexa en novela, en relato ou en cinema. Foron funcións ben coidadas, pola organización e polo público, cunha calidade de escoita que nos provocou suspiros. Se cadra ten que ver con esa reivindicación da festa para ir curando feridas. Non me estou a referir ás gargalladas. É algo máis profundo, a reconstrución dunha sociedade danada.
Se nos deixamos engulir pola tristeza, a desesperanza ten o terreo gañado. Cómpre asistir a unha Festa de Artes Escénicas como a de Medellín para lembrar que enriba dos escenarios, de calquera escenario, a vida é fundamental. A vida irrompe, a vida imponse, a vida é irrespectuosa, irreverente e implacabél. A vida ten os pés no presente, a memoria no pasado e o pensamento no futuro. Admiro unha sociedade coma esta, chea de proxectos, que non lle ten medo ás caídas nin aos fracasos porque se volverá erguer, como xa o leva feito unha e outra vez. No fondo, todas as sociedades son así en maior ou menor medida, e o teatro, as artes escénicas, vólvense celebración de que seguen vivas. A nosa tamén. Recuperemos, pois, a alegría.