A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que representa a gran maioría do sector da interpretación e da dirección de escena do país, amosa a través deste comunicado todo o seu apoio á comunidade educativa da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). O cadro de persoal convocou entre o pasado luns e o día de hoxe, mércores, unha folga -a primeira que vive este centro dende a súa fundación en 2005- para esixir a restitución do profesorado, que perdeu nos dous últimos cursos un total de seis docentes. Tal e como informou o claustro de profesores/as nos últimos días, a dirección da ESAD reclamaba para este ano tres novas vacantes e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tras o informe da Inspección de Educación, non só non concedeu ningunha, senón que eliminou outras tres. Dese xeito, adxudicáronse só 34 interinidades, cando en 2014 o centro chegou a contar con 42.
A AAAG aplaude a decisión de acudir á folga – secundada tanto polo persoal coma polo estudantado- por un conxunto de reivindicacións que, máis aló de pedir a recuperación das prazas docentes suprimidas, esixe a equiparación do centro ao réxime de estudos superiores, xa que na actualidade a ESADG expide un título equivalente ao título universitario de grao, pero a institución réxese pola normativa de Secundaria. A AAAG considera esta realidade administrativa lesiva tanto para o normal funcionamento do centro coma para os intereses formativos do alumnado.
Aproveitamos este comunicado, ademais, para lembrar que esta Asociación se fundou en 1985 e unha das súas primeiras reivindicacións históricas para a profesionalización do sector foi a creación dun centro de formación superior que non chegaría até 2005, ano en que se iniciou en Vigo a actividade da Escola Superior de Arte Dramática. Como asociación sindical, recoñecemos o seu imprescindible labor nestes trece anos para a nosa profesión, tanto na vertente audiovisual coma na escénica.
Por todo exposto, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia insta á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a recuar na súa decisión de reducir as prazas de profesorado da ESAD, a escoitar as peticións conxuntas do seu cadro persoal e do estudantado e a asumir como propia a reivindicación de modificar a normativa que rexe o funcionamento da ESAD, para equiparar o seu funcionamento aos centros de estudos superiores.