Actualidade

PUBLICIDADE

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que representa a gran maioría do sector da interpretación e da dirección de escena do país, amosa a través deste comunicado todo o seu apoio á comunidade educativa da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). O cadro de persoal convocou entre o pasado luns e o día de hoxe, mércores, unha folga -a primeira que vive este centro dende a súa fundación en 2005-  para esixir a restitución do profesorado, que perdeu nos dous últimos cursos un total de seis docentes. Tal e como informou o claustro de profesores/as nos últimos días, a dirección da ESAD reclamaba para este ano tres novas vacantes e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tras o informe da Inspección de Educación, non só non concedeu ningunha, senón que eliminou outras tres. Dese xeito, adxudicáronse só 34 interinidades, cando en 2014 o centro chegou a contar con 42.

A AAAG aplaude a decisión de acudir á folga – secundada tanto polo persoal coma polo estudantado- por un conxunto de reivindicacións que, máis aló de pedir a recuperación das prazas docentes suprimidas, esixe a equiparación do centro ao réxime de estudos superiores, xa que na actualidade a ESADG expide un título equivalente ao título universitario de grao, pero a institución réxese pola normativa de Secundaria. A AAAG considera esta realidade administrativa lesiva tanto para o normal funcionamento do centro coma para os intereses formativos do alumnado.

Aproveitamos este comunicado, ademais, para lembrar que esta Asociación se fundou en 1985 e unha das súas primeiras reivindicacións históricas para a profesionalización do sector foi a creación dun centro de formación superior que non chegaría até 2005, ano en que se iniciou en Vigo a actividade da Escola Superior de Arte Dramática. Como asociación sindical, recoñecemos o seu imprescindible labor nestes trece anos para a nosa profesión, tanto na vertente audiovisual coma na escénica.

Por todo exposto, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia insta á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a recuar na súa decisión de reducir as prazas de profesorado da ESAD, a escoitar as peticións conxuntas do seu cadro persoal e do estudantado e a asumir como propia a reivindicación de modificar a normativa que rexe o funcionamento da ESAD, para equiparar o seu funcionamento aos centros de estudos superiores.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos